Malia que este ano o verán despediuse moi tarde de nos e o frío leva pouco tempo acompañándonos, o certo é que estamos a pouco máis dun mes de que chegue xa o Nadal, e case sen darnos conta estanos inundando o sentimento festivo por tódolos recunchos.
Ceas de empresa, plans para Fin de Ano, menús de noiteboa… son moitos os temas que nos veñen enriba estes días, igual que lle veñen a Movistar, que mentres organizaba a súa tradicional cea de Nadal para empregados, ocorréuselle que sería unha boa idea organizar a primeira cea de Nadal pensada unicamente nos autónomos.
Din dende a operadora que o 17 por cento dos traballadores deste país son autónomos “e como tales non gozan dos mesmos privilexios que os traballadores asalariados” afirman, “entre eles a tradicional cea de Nadal entre empregados”, que Movistar atallará organizando varias ceas de Nadal por todo o Estado especificamente para autónomos e acompañantes.
Para poder compartir esta tradición empresarial con Movistar, que por certo inclúe a actuación do consumado humorista Leo Harlem, as persoas interesadas deberán apuntarse debidamente na web oficial do evento.
Entre tódalas solicitudes recibidas antes do 24 de novembro, Movistar seleccionará mediante sorteo 500 gañadores, que poderán asistir xunto cos seus acompañantes a unha das 8 festas que se celebrarán en: Valencia (12 de decembro), Bilbao (13 de decembro), Sevilla (14 de decembro), Barcelona (15 de decembro), Las Palmas (16 de decembro), Valladolid (19 de decembro), Vigo (20 de decembro) e Madrid (22 de decembro).
Movistar convidará a máis de 500 autónomos e acompañantes a unha cea de Nadal
Compartir Este Artigo

