A Secretaría Xeral de Modernización fixo reconto os días pasados do acadado a través do despregue de Redes de Nova Xeración (NGAs) do seu Plan Banda Larga da Xunta na provincia de Ourense. Segundo se fai saber nestes informes, preto de 6.000 habitantes dos núcleos do Barco e a Rúa de Valdeorras poden acceder xa a redes de 100 Mbps de velocidade, sendo o obxectivo, para finais de ano, duplicar a cobertura nestas poboacións. Cando se remate o Plan da Xunta en 2013, engade Modernización, “poderanse conectar a estas redes máis de 50.000 habitantes da provincia de Ourense, pertencentes aos núcleos de Allariz, A Valenza, O Barco, Viloira, Carballiño, Celanova, Xinzo de Limia, Maceda, Ribadumia, A Rúa de Valdeorras e Verín”.
A maiores, calcúlase que no ano 2013 haxa máis de 1 millón de galegos beneficiándose das redes con velocidades de servizo de 100 Mbps.
Esta achega de NGAs, como temos dito en anteriores ocasións, constitúe unha das cinco estratexias de despregue de redes de telecomunicación operativas xa dende o Plan Banda Larga. Para darlle forma a estas infraestruturas e a estes servizos, a Xunta concedeu o ano pasado unha subvención ao operador galego R por valor de 28 millóns de euros, contía que forma parte dun investimento total de case 130 millóns.
En contra do que se pode pensar, a achega de redes non queda unicamente vantaxes de acceso ao coñecemento senón tamén, a toda a unha serie de servizos de Administración Electrónica que sen a concorrencia de redes de alta velocidade non serían posibles. A maiores, R incorpora nesta iniciativa un paquete de servizos adicionais (para todas as novas localidades con cobertura) no que se inclúen a televisión de alta definición, o vídeo baixo demanda e aplicacións interactivas a través da televisión: un servizo de información de emerxencias do 112 por localidades, unha rede Wi-Fi que permita dispoñer de acceso a Internet nas áreas públicas e mesmo teleasistencia para persoas con discapacidade para, por exemplo, comunicar en liña a través do televisor cos centros asistenciais. Por outra banda, engade Modernización, co wifimedia de R, os clientes deste servizo disporán dun sistema para acceder aos seus arquivos dende calquera aparello con Wi-Fi na casa o na empresa (portátil, PC, tableta ou smartphone).
Estas iniciativas, unidas ás que xa están en marcha ao abeiro do Plan de Banda Larga, diríxense a posibilitar a conexión á Internet de alta velocidade a toda a poboación galega en 2013. No que atinxe a Ourense, máis de 80.000 cidadáns que ata o de agora non dispuñan dun servizo de acceso en condicións, xa contan arestora con el. “En pouco máis dun ano tras o comezo dos despregamentos do Plan, conseguiuse estender a cobertura de Internet de calidade ata acadar un total de máis do 84% da poboación cuberta na provincia fronte ao 59% inicial”, engade Modernización, e explica, referíndose aos orzamentos postos en xogo: “A Administración autonómica investiu no pasado ano 2010 un total de 3,8 millóns de euros no despregamento de infraestruturas de telecomunicacións na provincia”.
Redes de nova xeración de 100 Mbps para 6.000 habitantes da provincia de Ourense
Compartir Este Artigo
