O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, xunto co xefe do Servizo de Novas Tecnoloxías, Amancio Varela, presentáronlles aos funcionarios e técnicos da institución provincial as fases, os obxectivos, as aplicacións e a repercusión potencial do proxecto eDepo, a administración nun CLICK, unha iniciativa dirixida a modernizar con diversas actuacións tecnolóxico-dixitais a entidade e máis aos concellos da provincia. O proxecto, que ten un investimento de máis de 4 millóns de euros, deuse a coñecer nunha xuntanza de traballo que tivo lugar no salón de plenos da Deputación. O encontro, como dixemos, serviu para detallar os obxectivos e o alcance do proxecto, amais das fases de desenvolvemento que inclúe. Fases que, unha vez despregadas e segundo fai saber o órgano provincial, posibilitarán unha “redución importante de custos no mantemento da infraestrutura hardware e a definitiva eliminación do papel na institución provincial”.
Amais disto, engade a Deputación, estenderase a administración electrónica a tódolos cidadáns e concellos da provincia, establecerase unha metodoloxía única para facilitar a comunicación e interacción entre todas as institucións públicas e posibilitarase que tódolos cidadáns accedan a fontes dixitalizadas, administrativas e culturas do devandito órgano provincial galego.
eDepo permitirá dispoñer dun catálogo centralizado de procedementos e servizos que permitirán uniformizar a oferta de servizos electrónicos á cidadanía.
Amancio Varela e os técnicos do servizo de Novas Tecnoloxías e da empresa adxudicataria (Tecnocom), explicaron que se “simplificarán os procedementos administrativos da Deputación, que se desenvolverán novos portais web para a Deputación e os seus organismos autónomos, e que se creará un centro de coñecemento para a consultar o patrimonio documental, gráfico e audiovisual do Arquivo Provincial e dos concellos da provincia”. Co proxecto eDepo, no que xa se está a traballar, preténdese dar cumprimento á Lei 11/2007, culminando a súa definitiva implantación ao longo do vindeiro ano 2012.
A Deputación de Pontevedra presenta entre os seus funcionarios e técnicos o proxecto eDepo
Compartir Este Artigo
