Xa temos ao alcance da man a versión piloto do Portal Europeo de Arquivos, un primeiro bosquexo da versión final no que se inclúen xa máis de oito millóns de documentos que permiten, á súa vez, o acceso a 31 millóns de obxectos dixitalizados. Esta versión foi presentada os días pasados na sede de INTECO (entidade colaboradora do proxecto que desenvolve Cultura con entidades de toda Europa) e constituiría, por si mesma, unha biblioteca dixital da memoria europea. O proxecto-portal, posto en marcha con 2,4 millóns de euros procedentes do Programa e-Contentpuls, ten e a súa sede en España, máis polo miúdo en León, que é onde ten a sede de operacións INTECO.
O acubillo en liña dá acceso unificado a través de Internet a información sobre arquivos e documentos procedentes de España, Portugal, Malta, Eslovenia, Grecia, Francia, Alemaña, Polonia, Finlandia, Suecia, Países Baixos, Bélxica, Irlanda e Letonia. A primeira versión presentada os días pasados é, en realidade, a terceira entrega do portal europeo, que xa podemos ver na Rede en archivesportaleurope.eu e, a través dun protocolo de comunicación, en europeana.eu, portal que fornece aos internautas de información de arquivos, bibliotecas e outros centros culturais europeos. Arestora, informa o Ministerio de Cultura, os usuarios da Internet poden acceder ás descricións de máis de 8 millóns de documentos, dende as que establecen ligazóns con máis de 31 millóns de imaxes dixitais. Estamos polo tanto ante un dos portais de arquivos máis importantes de Europa. “Con esta nova versión chea de funcións e melloras”, engade o Goberno, “preténdese sobre todo que o usuario final obteña a información que busca de xeito amigable e comprensible, mesmo sen ter noción de arquivos, para dar conta do máximo proveito descubrindo e viaxando cara ao pasado a través da memoria europea”.
Presentada a versión piloto do Portal Europeo de Arquivos, un repaso dixital pola memoria do continente
Compartir Este Artigo
