
É dicir, no ámbito dixital, o consumidor non é un cyborg nin un ser distinto, segue a ser igual de real. Esta estratexia de publicidade dupla, cunhas mensaxes nas redes que nunca se lanzarían nas canles de publicidade tradicional, é unha cousa difícil de comprender, sinalou Quintana. Ao seu xuízo, estamos ante unha moi clara falta de coherencia e ante unha necesidade de buscar comportamentos máis ou menos lóxicos das axencias, estean na contorna real ou na dixital, “pois quen está detrás das pantallas segue sendo o consumidor de toda a vida”, sinalou. Neste senso, avogou por facer o preciso para non perdermos a perspectiva por moita revolución dixital que se dea: a inseguridade ante o descoñecido non debe levarnos a pensar que hai que comezar dende arriba, correndo sen ter camiñado antes. Para afianzarse na contorna dixital, o creativo aconsellou que o mellor é que a marca comece dende abaixo, xa que “o nome e a potencia en medios non é garantía de éxito en internet”. Entre os casos concretos que expuxo para explicar esta situación e que a Universidade de Vigo documentou na súa web a raíz do relatorio de Quintana, figura unha metáfora, a de que Facebook era coma un edificio onde os clientes conviven cos seus anunciantes. Porén, “a marca só ocupou un andar dos dispoñibles e non pode pretender que, porque monte unha festa, vaia ter méritos e aceptación, ten que ser antes coñecida polos veciños”, dixo.
Álex Quintana amosa en Vigo as claves para adaptármonos á publicidade en liña
Compartir Este Artigo
