A rede empresarial galega Vigiliam, a primeira das súas características desenvolvida no noso país para favorecer as relacións entre empresas e autónomos, vén de facer reconto das firmas ás que axudou a fortalecer a súa actividade comercial dende a súa creación a mediados de ano, e a cifra ascende a 1.600.
Trátase dos milleiros de empresas que xa son usuarias da rede galega, e que acceden ás súas ferramentas de xeito habitual para mellorar as súas relacións empresariais dende un espazo en liña exclusivo.
A actividade principal desta plataforma en liña radica en conectar e facilitar as sinerxías entre as empresas rexistradas, así como ofrecer un amplo abano de servizos para que xestionen e promovan a súa actividade en Internet.
Máis polo miúdo, Vigiliam ofrece un abano de ata 20 servizos de apoio virtual ás empresas membros, que van dende ferramentas financeiras, comerciais, de formación ou de comunicación, ata ferramentas xurídicas, que poñen a disposición dos usuarios modelos de contratos e mesmo formularios.
Asemade, a firma dispón do servizo Sinergias, que lle permite aos seus usuarios coñecer outros usuarios afíns para establecer relacións comerciais entre eles e sacar rendemento das mesmas.
A maiores, os máis de 8.000 usuarios que Vigiliam ten en todo o Estado, poden crear a súa propia tenda en liña, grazas a un módulo totalmente autoxestionable que permite, entre outras cousas, xestionar os seus pedidos a través de Internet, rexistrar clientes e articular a modalidade de cobro que estimen máis conveniente, así como xestionar os seus stocks e vincular o seu propio dominio á tenda.
Ademais de tódolos servizos dispoñibles, Vigiliam afirma que está a traballar noutras iniciativas, que permitirán, nun futuro, alugar unha oficina comercial ao mellor prezo dende a Rede, crear e desenvolver as súas propias campañas publicitarias, satisfacer as súas inquedanzas e dúbidas mediante a resposta de expertos ou mesmo obter créditos sen necesidade de recorrer a tesoureiros ou bancos.
A plataforma en liña Vigiliam fortaleceu a actividade de 1.600 empresas galegas
Compartir Este Artigo

