
Esta canle interactiva, que estará operativa nas vindeiras semanas, permitiralle aos seus usuarios e usuarias acceder directamente e sen intermediarios á información relacionada coas situacións de emerxencia que se produzan no noso país, tales como avisos por fenómenos meteorolóxicos adversos, activacións de plans de emerxencias de protección civil, recomendacións de seguridade para a poboación, ou información do tráfico, entre outras cousas.
A aplicación, da que hoxe se fixo unha demostración práctica, será o ensaio da futura canle televisiva interactiva, na que se ofrecerán todo tipo de contidos relativos a xestión de emerxencias en Galicia, con información de utilidade para toda a cidadanía.
De feito, mediante esta ferramenta, as autoridades competentes xa poden enviar avisos relacionados coas emerxencias á poboación galega, relativos por exemplo a alertas meteorolóxicas, estradas cortadas ou suspensión de clases nos colexios… que reciben comodamente nas pantallas dos seus televisores de R, sexa cal sexa a canle que estean a ver.
A aplicación de R permite, asemade, que os usuarios poidan acceder a información máis detallada segundo as súas preferencias, limitarse só aos datos que lle interesen dun determinado ámbito xeográfico como un concello concreto ou unha provincia, ou mesmo consultar os datos históricos dos avisos dados ata o momento.
O convenio de colaboración foi asinado hoxe polo director da división de empresas de R, Antonio Fernández Armas, e o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, quen agradeceu a colaboración de R “para poder levar adiante un proxecto que permitirá incidir nunha maior prevención e nunha mellor comunicación ante as emerxencias”.
A Xunta e R desenvolven un servizo interactivo de información de emerxencias
Compartir Este Artigo

