O Ministerio de Política Territorial e Administración Pública vén de iniciar en Galicia a súa campaña nacional @dministración. Todos los servicios en tu mano, coa que pretende darlle pulo ao uso dos servizos públicos accesibles por medios electrónicos en todo o Estado español, facendo especial fincapé en Internet, o medio máis axeitado para poñerse en contacto dende a Administración coa cidadanía e as empresas.
Dito doutra maneira, o que pretende este plan é promover o uso dos servizos públicos en liña para relacionarnos coa Administración, e para iso contempla levar a cabo distintas xornadas de divulgación nas que mostrarlle á cidadanía, de maneira práctica, as posibilidades que ofrecen os servizos electrónicos da AGE.
Estas sesións de dinamización realizaranse nas oficinas de expedición do DNIe e nas Xefaturas de Tráfico das catro provincias galegas, onde se porán ao descuberto, entre outras cousas, a eficacia das xestións en liña e a simplicidade dos procedementos burocráticos que se levan a cabo con ferramentas virtuais.
Asemade, coa Administración Electrónica, a cidadanía pode obter información e acceso a servizos públicos electrónicos de maneira segura, rápida, cómoda e doada, dende calquera lugar e a calquera hora, os 365 días ao ano.
En Galicia está prevista a celebración dunhas 100 xornadas nas que achegar todas estas e outras vantaxes de maneira práctica, das cales 40 celebraranse na Coruña, e outras 20 en cada unha das provincias restantes, é dicir, Lugo, Ourense e Pontevedra.
Nelas, un equipo de formadores mostrará os beneficios que supón o uso de máis de 2.300 servizos telemáticos que a AGE xa ten accesibles, e que representan o 99 por cento dos trámites da administración estatal.
Nestas sesións mostrarase, por exemplo, como identificarse de maneira segura en Internet, como acceder aos servizos públicos en liña ou como utilizar o minisite web Masdestacados.060.es do portal www.060.es, onde están dispoñibles tódolos servizos electrónicos que hai habilitados, clasificados por materias e grupos de cidadáns.
No marco desta campaña, o devandito Ministerio vai entregar máis de 100.000 lectores de DNI electrónico de balde, así como uns 140.000 folletos informativos sobre a iniciativa.
O Goberno inicia en Galicia as xornadas formativas sobre eAdministración
Compartir Este Artigo

