Segundo datos extraídos do último informe e-Government realizado pola ONU no 2010, o desenvolvemento da Administración Electrónica en España rexistrou unha notable evolución nos últimos anos, situándonos agora nunha destacada posición no contexto internacional.
De feito, do posto 39 que ocupabamos en 2005, pasamos a estar na novena posición mundial e na quinta a nivel europeo, mais iso si, só no tocante á dispoñibilidade de servizos dende a administración electrónica, non ao seu uso por parte da cidadanía.
Este estudo, que mide o nivel de implantación dos servizos electrónicos, o desenvolvemento de infraestruturas de telecomunicacións e o capital humano cualificado nesta materia, sitúa asemade a España na quinta posición mundial en eficacia, funcionabilidade e operatividade dos portais de servizos públicos de acceso telemático, e confirma o bo facer en materia de modernización das infraestruturas dos nosos mandatarios.
No tocante a Galicia, un recente informe do INE indica que entre 2010 e 2011, máis de 1,2 millóns de persoas que residen no noso país usaron Internet nos últimos 12 meses, e que do total desas persoas, o 52,2 por cento (704.323 persoas) fíxoo para obter información de páxinas web da Administración.
Por outra banda, e alén da mera visualización de webs, o 42,9 por cento dese total conectado á Rede fíxoo para descargar formularios oficiais (528.242 persoas) e o 28,6 por cento enviou formularios cumprimentados de xeito virtual (3532.161 persoas).
No tocante ao ámbito empresarial os datos aínda son máis optimistas, e neste senso, o informe do INE indica que o 81 por cento das empresas de Galicia con conexión a Internet interactuaron en 2010 coa Administración central a través da Rede, e delas, o 68,9 por cento obtivo información por medios electrónicos, o 68 por cento descargou formularios oficiais e máis do 63 por cento devolveu cumprimentada esa documentación.
En canto ao número de DNI-e que hai expedidos, outro síntoma do que se ten avanzado na modernización do sistema, dicir que a nivel nacional xa hai máis de 26 millóns de cidadáns que teñen a nova tarxeta de identificación, garantindo así a súa plena seguridade e confidencialidade nas relacións en liña coa Administración Central.
España ascende 30 postos dende o 2005 no uso de eAdministración a escala mundial
Compartir Este Artigo

