A Confederación Empresarial de Ourense acolle este mércores 30 unha xornada profesional encamiñada a informar de novos métodos tecnolóxicos para sermos máis eficaces e sustentables dende o punto de vista enerxético. Máis polo miúdo, a xornada dará acubillo á presentación de GE2C´S, un proxecto galego-portugués que xa está a dar os seus primeiros pasos na Internet e cuxo obxectivo é mellorar o emprego e xestión da enerxía no sector servizos da Eurorrexión, facendo fincapé en xeitos de optimizar o consumo e máis a produción.
A iniciativa, que conta cun orzamento de 1,06 millóns de euros, desenvolverase ao longo do período 2011-12. Ao seu abeiro, inclúese a posta en marcha dunha páxina web, www.ge2cs.com, que operará a xeito de canle de comunicación e participación, amais de ser un punto de encontro para a formación de xestores enerxéticos, a achega de guías para eficacia e a posta en marcha de vindeiras actividades de traballo conxunto. A web aínda está en desenvolvemento (non se tira proveito nela do galego, lingua común entre profesionais de ámbalas beiras da fronteira, agardamos a que isto se solucione), pero xa ofrece servizos diversos para írmonos informando dos obxectivos e accións a realizar, amais dunha completa listaxe de estudos e guías, a relación dos socios integrados xa no proxecto, o calendario de actividades e máis unha sección de novas, entre outras moitas cousas. O proxecto vén da man de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal e conta entre os seus socios co INEGA ou o Instituto Tecnolóxico de Galicia, entre outros.
En marcha unha web para favorecer a cooperación galego-portuguesa en materia de eficacia enerxética
Compartir Este Artigo
