Da mesma maneira que ao persoal das institucións públicas lles esiximos que nos atendan con amabilidade, prestando atención ao que solicitamos e achegando toda a información que precisemos para os nosos trámites, ás páxinas web destas entidades pedímoslle que sexan funcionais, que resulten atractivas e que sexan doadas de usar, achegándonos toda a información de utilidade mediante “un só click”.
Precisamente baixo esta premisa vén de renovar a Vicerreitoría do campus de Ourense a súa web, cunha proposta de imaxe e de estrutura a estrear, e con contidos máis actualizados e ampliados.
A ferramenta, da que os seus responsables agardan que sexa máis útil e atractiva para os usuarios, foi creada en código aberto, e ofrece a información de maneira máis estruturada.
De feito, en tan só dous ou tres click, a web permite consultar a axenda de actividades diarias e novidades no campus, a súa carteira de estudos actualizada e a actividade dos diferentes servizos que ten á súa disposición a comunidade universitaria, como deportes, cultura, residencia universitaria, gabinete psicopedagóxico ou biblioteca, entre outros.
Outro dos apartados que destaca pola súa utilidade é o de Investigación, onde as persoas interesadas poden consultar información de todos os grupos de investigación do campus de Ourense e do seu Centro de Investigación, Transferencia e Innovación CITI, ver o estado das convocatorias que se realizan nesta área e coñecer os recursos para a transferencia ou a internacionalización que existen na Universidade de Vigo para os investigadores.

A páxina de inicio desta web dispón, asemade, dunha sección multimedia, que da acollida a todo tipo de material audiovisual de interese para os seus usuarios, que polo momento só ten 2 pezas porén, segundo afirman os seus creadores, irase incrementando a medida que o sitio vaia medrando e evolucionando co tempo “para dar resposta ás necesidades que poidan xurdir”.
A aplicación, que polo de agora e segundo informan no DUVI, recibe 4000 visitas ao mes, ofrece a posibilidade de interactuar cos usuarios dende Facebook, Twitter e YouTube, onde ten espazos de seu.
A Vicerreitoría do campus de Ourense renova a súa web institucional
Compartir Este Artigo

