
Hai pouco máis dun mes, a Universidade da Coruña convocou un concurso público polo cal lle cedía temporalmente ás empresas TIC galegas beneficiarias, cadanseus espazos no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), para que estas puidesen levar a cabo dende alí as súas actividades “relacionadas con proxectos de investigación e desenvolvemento no sector das novas tecnoloxías da información”.
Pois ben, segundo esta convocatoria, as empresas que resulten beneficiarias da convocatoria, poderán instalarse nestes espazos, situados no primeiro andar do edificio de ampliación do CITIC (no campus coruñés) por un período de dous anos prorrogables, e poderán utilizar as instalacións comúns do CITIC nas mesmas condicións que outros ocupantes.
Trátase de estancias de 52 metros cadrados que agora mesmo son de gran valor para aquelas empresas que están comezando a súa andaina, e que non teñen a suficiente solvencia económica para emprender os seus proxectos con éxito nun local de seu.
De aí a importancia do bo facer das institucións na concesión destes espazos, e da valía do criterio a seguir para seleccionar acertadamente os proxectos que finalmente serán os beneficiarios, polo que dende a UDC non quixeron correr riscos e formaron unha Comisión de Selección que avalíe as candidaturas presentadas.
Nesta comisión, amais dos representantes da entidade académica, como o vicerreitor de Ferrol, o adxunto á Vicerreitoría de Calidade e Novas Tecnoloxías e o coordinador do CITIC, atópase Víctor López, o presidente de Eganet, que participará en calidade de consultor externo, xunto cun representante da plataforma Vindeira.
Dende EGANET afirman que “é importante ter a oportunidade de participar e poñer o noso gran de area neste proxecto, que axudará ás empresas que resulten elixidas a desenvolver os seus proxectos de I+D+i nun ambiente propicio, con grandes oportunidades de partilla, intercambio e feedback de ideas e iniciativas”.
Nas súas mans queda agora que o tecido empresarial galego conte con novos proxectos innovadores a medio prazo, que saian ao mercado con forza e colaboren co seu pequeno grao de area á saída desta esgarradora crise.
EGANET participará na selección das empresas TIC beneficiarias de espazos de seu no CITIC
Compartir Este Artigo

