Somos mellores ou peores agora que as redes sociais son o sitio que máis frecuentamos? Estamos preparados para acceder ao coñecemento de valor ou, pola contra, perdemos o tempo en parvadas? Estas e outras preguntas, directamente ou entre liñas, semellan ter resposta no primeiro Estudo sobre o coñecemento e o uso das redes sociais en España que vén de presentar o observatorio ONTSI e que consiste nun achegamento, en tres partes, ao noso grao de actividade nas comunidades 2.0, entre outros asuntos. O estudo, que foi presentado na mañá deste xoves polo director xeral de Red.es, Carlos Cano, e polo director do observatorio, Pedro Martín, poñen de relevo o que xa se supoñía: que as redes sociais abren un novo mundo para os negocios e o crecemento económico.
A maiores, abren novas vías para a actividade do mercado laboral.
Para facernos unha idea disto último, sinalar que ao abeiro de investigación, entre outros datos, dase a coñecer que máis do 80% dos responsables de recursos humanos das firmas do Estado español empregan as ferramentas 2.0 como canles para a selección e publicación de novos postos de traballo, dándose lugar (tamén) á aparición de novas profesións baseadas na xestión e máis na defensa dos intereses das empresas cos seus clientes. A investigación tamén apunta a que preto do 39% dos que usan estes recursos tiran proveito delas con fins profesionais. Deles, un 57,6% faino para buscar traballo, case un terzo para promoverse como profesional, un 18,2% para facelo como empresa e un 15% para acadar formación.
Polo que respecta ao peso que teñen no rumbo do mercado, a nivel xenérico e no específico para cada produto, dicir que a compra de artigos e servizos por Internet vese moi influenciada xa polas opinións que se emiten nas redes sociais, sobre todo as que veñen da man dos que se poden considerar usuarios influíntes, que son aqueles que poden chegar a un maior número de usuarios, e cuxas valoracións son tidas en conta xa por unha manchea de empresas de tódolos sectores, pero sobre todo dos máis directamente relacionados coas novas tecnoloxías da información e da participación.
Confirmado: cada vez máis, as empresas buscan traballadores nas redes sociais
Compartir Este Artigo
