
Os encargados de inaugurar a edición deste ano da feira de contidos dixitais máis importante de Galicia, non podían ser outros que os que fan posible que ano tras ano este evento teña lugar, e a quen temos que agradecerlle o seu apoio incondicional; son por exemplo, o director de Agadic, Juan Carlos F. Fasero; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e o presidente da Asociación Culturgal, Xulio Amigo, que logo de dar por inaugurada a feira, realizarán unha visita guiada polo director da mesma, Sergio Lago.
O periplo realizará a súa primeira parada no stand da Consellaría de Cultura e Turismo, onde serán recibidos pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.
Grazas aos devanditos apoios institucionais, ao do Ministerio de Cultura, e tamén en gran parte ao apoio dos principais colectivos profesionais constituídos na Asociación Culturgal, é posible que o Pazo de Cultura de Pontevedra se converta por uns días no berce das industrias culturais galegas máis innovadoras, así como no lugar dende onde proxectar a nosa cultura a todo o mundo, a través de distintos formatos e técnicas.
Os avances das novas tecnoloxías permitiron que a música, o audiovisual, as artes escénicas, a pintura ou o cine, entre outras artes, teñan unha nova razón de ser e unha nova vía de espallamento máis eficaz ca nunca, chegando a públicos insospeitados ata o momento.
Dende o Foro Culturgal, encontro privilexiado na Feira para os axentes do sector, daranse a coñecer esas técnicas, esas metodoloxías, eses novos medios… en definitiva, esa nova vía aberta cara a internacionalización, que está a disposición de cantos axentes queiran botar man dela, aproveitando o intercambio de ideas, de experiencias e de proxectos que posibilita.
Xa que logo, mañá só nos queda pechar os ollos, deixarnos levar, e adentrarnos nesta feira de ilusións en Pontevedra, onde os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, música, deseño, internet e novas tecnoloxías, nos mostrarán os seus segredos mellor gardados para facernos soñar con cada creación.
Culturgal abrirá mañá as súas portas coa presenza de destacadas personalidades do sector
Compartir Este Artigo

