A Conselleira do Mar presidiu hoxe o acto de presentación oficial do proxecto Mar de Caión, promovido polo Concello da Laracha e financiado con fondos europeos a través do Grupo de Acción Costeira (GAC) 3 Costa da Morte. Rosa Quintana estivo acompañada polo Alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, a Directora xeral de desenvolvemento pesqueiro, Susana Rodríguez, e polo Presidente e o Xerente do GAC 3, Evaristo Lareo e Guillermo González. Ao evento tamén foron convidados a asistir representantes dos gobernos municipais de concellos de Bergantiños e de Arteixo, o deputado provincial Perfecto Vázquez, os profesionais que forman parte da rede de hostaleiros Mar de Caión, membros da Confraría de Pescadores, presidente de APTCM e representantes das asociacións culturais e deportivas de Caión.
O acto desenvolveuse na Casa da Cultura da Laracha e principiou cunha proxección en alta definición dun vídeo no que se fixo un percorrido pola vila costeira de Caión, resaltando a súa paisaxe, historia, gastronomía e as posibilidades turísticas que ofrece aos visitantes. O devandito vídeo pode verse a continuación:

A Conselleira do Mar pechou o acto mostrándose “orgullosa do sector pesqueiro da Costa da Morte” e salientando o “dinamismo” que o Concello da Laracha está a mostrar coa posta en marcha deste tipo de iniciativas. Rosa Quintana considera que Mar de Caión “concorda plenamente” cos obxectivos marcados pola Consellería que dirixe e polos Grupos de Acción Costeira na procura de novas alternativas para a posta en valor do sector pesqueiro galego.
Aposta multimedia

Os pivotes das audioguías están colocados ao longo do tres rutas de sendeirismo deseñadas para coñecer a xeografía e fisionomía urbana de Caión, a súa historia, a súa cultura e a súa xente. Son a Ruta do pobo, a Ruta do porto e a Ruta da praia.
Como complemento, os turistas tamén contarán cun servizo de préstamo de prismáticos para levar durante o percorrido e gozar da contorna e da paisaxe. Non hai que esquecerse de que Caión está incluído no LIC Costa da Morte Rede Natura 2000.
Ademais, a información a pé de rúa complétase coa instalación de catro modernos tótems con información multimedia e táctiles situados nos puntos estratéxicos de Caión.
