A Xunta de Galicia e o Consello Xeral do Poder Xudicial colaborarán para optimizar o uso da plataforma de interoperabilidade do CGPX e impulsar a implantación do expediente xudicial electrónico. Así se recolle nun protocolo de colaboración aprobado hoxe no Consello do Goberno galego e que asinarán a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e o CGPX.
O obxectivo final do acordo é poñer á disposición das oficinas xudiciais galegas o acceso á plataforma de interoperabilidade do CGPX, denominada Punto Neutro Xudicial, e a toda a información e servizos que se prestan a través del. Esta plataforma tecnolóxica foi posta en marcha en 2002 e actualmente ofrece 34 servizos e consultas ás oficinas da Administración de xustiza e prevese que, neste ano, acade os 15 millóns de visitas anuais.
Entre as liñas de colaboración que establece o protocolo prevese, ademais de manter e optimizar a infraestrutura do Punto Neutro Xudicial, desenvolver novos servizos e facilitar a integración da aplicación de xestión procesual cos servizos que se prestan a través desta plataforma.
Para acadar de xeito efectivo os obxectivos propostos o acordo establece tamén a obriga de proporcionar información aos usuarios para lograr un uso adecuado dos servizos actuais e futuros que se presten a través do Punto Neutro Xudicial.
Con este acordo tanto o CGPX e Xunta buscan mellorar a eficiencia dos servizos públicos de atención ao cidadán e o propio funcionamento interno da Administración de Xustiza a través das novas tecnoloxías.
A Xunta continuará a colaborar co CXPX na dixitalización da Xustiza
Compartir Este Artigo
