O II Encontro Empresarial do Sector TIC celebrado onte en Oia, onde tal e como apuntamos neste medio se nomeou á Consellaría de Economía e Industria Socio de Honra de INEO, non só serviu para achegar e poñer en contacto a representantes das asociacións empresariais dos diferentes sectores produtivos da nosa comunidade e empresarios do sector, senón que tamén, e sobre todo, quedou sobradamente demostrada a necesidade de realizar este tipo de encontros no noso país, a fin de darlle pulo ao sector TIC e avanzar da man de entidades públicas e privadas cara unha Galicia máis tecnolóxica e efectiva.
E é que coa celebración da súa segunda edición, este Encontro Empresarial do Sector TIC consolidouse definitivamente como un punto de encontro entre organizacións e empresas do sector con representantes de outros sectores produtivos, así como de outros axentes do ámbito social, político, universitario, de investigación…
O presidente de INEO, Jorge Cebreiros, reafirmou durante o acto este enunciado, ao apuntar que “o sector TIC necesita foros de debate e de encontro como o que se celebrou hoxe” e engadiu que agora “é o momento de darlle pulo ao acordo, a cooperación e a unidade de tódolos axentes do sector para estreitar lazos co resto de sectores produtivos”.
Cebreiros tamén augurou que só desta maneira “conseguiremos escenificar a importancia que teñen as TIC para o avance económico de Galicia”.
INEO é unha das varias asociacións empresariais do sector TIC que hai en Galicia, e xa ela integra preto de 70 empresas, que superan unha facturación de 165 millóns e dan emprego a máis de 2000 profesionais.
O Encontro Empresarial do Sector TIC consolídase como punto de encontro de referencia no noso país
Compartir Este Artigo

