A asociación EGANET, que estes días redobra esforzos coa preparación da nova edición dos seus premios ao mellor do ano en materia TIC, vén de informar de que a “discriminación” denunciada pola asociación galega o pasado mes de outubro, con motivo das condicións do programa B2C de Red.es (dirixido a asesorar as empresas en comercio electrónico), camiña xa cara ao seu arranxo definitivo. Cómpre recordar que no devandito programa non estaban representadas unha boa cantidade de plataformas empresariais do Estado, cousa que a xuízo de EGANET resultou inaceptable, posto que impedía a colaboración na iniciativa malia súa importancia para o avance social. O caso é que tras unha longa espera, xa hai resposta clara ás impugnacións.
Segundo nos conta EGANET, a asociación será unha das dezaoito entidades colaboradoras do programa, cousa que constitúe un “gran logro das empresas sociais, que axuntaron esforzos e envorcáronse nesta reivindicación”. O problema tivo a súa raizame tras estudar as bases da convocatoria, intre no que EGANET percibiu que os requirimentos de facturación que se lles pedían ás entidades solicitantes facían que, na práctica, boa parte do sector TIC galego ficase fóra. A nova e a súa cobertura nos medios fixo que Red.es rectificase e brindara a posibilidade de que as firmas sociais presentaran unha candidatura conxunta en nome de EGANET.
“Deste xeito”, informa a asociación galega, “e grazas a un gran esforzo conxunto das empresas e da propia asociación, conseguimos entregar toda a documentación nun tempo récord e entrar así na fase de selección desta primeira parte do proxecto, dedicada a atopar entidades colaboradoras para levar a cabo a segunda parte do devandito programa”.
A seguinte fase do Programa B2C dedícase a seleccionar ás empresas e entidades interesadas en participar como solicitantes dos servizos de asesoramento que realizaran os colaboradores. O prazo para presentarse a esta fase rematará o 13 de xaneiro.
EGANET será entidade colaboradora no programa de Red.es para asesorar ás empresas en comercio electrónico
Compartir Este Artigo
