A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que dende que puxo en marcha a Axenda Dixital 2014.gal nunca deixou de apostar polas TIC para converter a nosa sociedade nunha sociedade sustentable con altas cotas de participación na toma de decisións, sabe que isto só se pode conseguir cunha boa base no coñecemento, e que esta, ao mesmo tempo, acadarase cando a igualdade de condicións deixe de ser unha utopía e se converta nunha realidade.
Levando estas pautas ao seu terreo, dende Modernización saben que o seu gran de area vén dado por levar Internet e as novas tecnoloxías a cada recuncho do noso país, e que só así a Sociedade da Información e o Coñecemento estará verdadeiramente ao alcance de todas e todos os galegos.
A última decisión tomada no seo desta entidade no tocante ao acceso á Rede conta cun orzamento de máis de 570.000 euros, que lle permitirán subvencionar a contratación deste servizo a máis de 3.000 familias galegas con poucos recursos económicos.
Así se recolle nun convenio de colaboración asinado esta mañá entre a responsable do departamento autonómico, Mar Pereira, o Director de Administracións Públicas do Territorio Norte de Telefónica, Manuel Alonso, e o conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, ambos operadoras encargadas da tramitación das axudas.
Na súa intervención, Mar Pereira afirmou que “o obxectivo fundamental desta iniciativa é que as persoas con menos posibilidades económicas non queden á marxe das oportunidades que ofrece e que se xestionan a través da Rede”, e neste senso afirmou que “estar do lado positivo da chamada fenda dixital supón ter mais oportunidades de acceso ao coñecemento, aos mercados, á formación, ao emprego…”.
Pola súa parte, Arturo Dopico destacou “a importancia de colaborar coa administración nesta iniciativa para facer máis accesible o servizo de internet ao maior número de persoas en Galicia”, e lembrou que dende R “seguen a esforzarse por manter unhas tarifas competitivas e adaptadas a cada quen, para que a tecnoloxía sexa unha realidade cotiá para todos en Galicia”.
Beneficiarios das axudas
Os beneficiarios destas axudas serán as familias residentes en Galicia, que teñan unha renda per cápita igual ou inferior a 9.000 € e que soliciten unha nova alta de acceso aos operadores R e Telefónica como entidades colaboradoras na iniciativa. Para poder acceder á subvención, será condición obrigatoria que no domicilio non houbese contratada ningunha conexión a Internet no momento de efectuar a solicitude nin polo menos nos tres meses anteriores á publicación da convocatoria de axudas. As persoas interesadas en acollerse a estas axudas poderán tramitalas a través dos operadores a partir do vindeiro 2 de xaneiro.
O programa establece a concesión dunha única subvención por unidade familiar do 40 por cento do custe da tarifa mensual de conexión a Internet a partir do segundo mes de servizo e ata completar un ano, cunha contía máxima de 180€ e condicionado á permanencia no servizo durante ese período. A alta de liña e o importe dunha cota mensual será asumido pola entidade colaboradora.

