Unha boa parte da comunidade internauta emprega software libre case sen decatarse. Ou sexa, que son activistas da programación aberta no seu día a día e probablemente nunca se propuxeran seriamente selo. A cifra non para de medrar, segundo nos contan dende PortalProgramas.com, web de recursos en aberto que vén de facer un informe, sobre a base de 2.100 usuarios de novas tecnoloxías de 17 países, que serve entre outras cousas para saber ata onde están chegando as aplicacións abertas e cales son os motivos principais deste medre.
Segundo se informa, tres de cada catro persoas usan este software a nivel cotián, e moi poucas deixaron de usalo por terlles visto algún problema. O informe amosa o grao de información, uso e confianza que os usuarios teñen do software libre e da ideoloxía que este promove.
Entre as grandes conclusións da investigación atopamos as seguintes:
· A desconfianza respecto ás ferramentas abertas, de darse, vén motivada máis por descoñecemento que por problemas reais e rexistrables de uso.
· O soporte técnico que ten o software libre é máis que de abondo.
· Axuda a mellorar a tecnoloxía actual e non só porque sexa de balde (que en moitas ocasións, non ten porqué selo, aínda que si que é sempre máis barato).
· A comunidade de usuarios prefire software libre a copias ilegais.
Podemos ver o informe ao completo neste arquivo en pdf.
Tres de cada catro persoas usan decote programas abertos
Compartir Este Artigo
