Naveguemos con Internet doméstico ou no móbil, en España o abano de servizos que temos en relación ao prezo que pagamos por eles deixa bastante que desexar, sobre todo se o comparamos co de outros países europeos como Italia, onde a media mensual polo servizo é de un pouco máis de 10 euros, ou Portugal, onde pagan algo máis de 20 euros polos mesmos servizos que nos inclúen en España.
Estes datos achéganolos a web da OCU, a Organización de Consumidores e Usuarios, que publica en portada os datos extraídos da última enquisa realizada aos usuarios españois sobre os operadores de Internet mellor e peor valorados.
No mesmo artigo a OCU inclúe unha serie de consellos a seguir para aforrar en Internet móbil, que se resumen nos que seguen:
1. “Ter en conta a cobertura”. Segundo esta entidade, non é determinante se navegamos dende un teléfono, porén “resulta crucial” se o facemos dende un portátil. Neste senso, recomendan consultar a conexión que nos ofrecen as compañías, xa que nunha mesma zona hai operadores con velocidades de 3 MB e outros que nin tan sequera contan con 3G.
2. Tamén lembran que “as tarifas planas non existen en Internet móbil” malia que hai de quen se empeñe en chamalas así. Tódolos contratos poñen límite de datos descargados, porén o que interesa é, segundo indican, que é o que pasa cando se supera ese tope: as compañías reducen a súa velocidade de conexión ou cobran por cada MB descargado de máis? Neste caso indican que, se navegamos dende un móbil, convéñennos as tarifas que cobran o exceso de descarga, e se o facemos dende un portátil, son mellores as que reducen a velocidade.
3. No tocante ás tarifas de cota fixa baixa, dende a OCU recomendan que, malia que aparentemente sexan máis caras, se a cota fixa mensual é reducida “aforraremos bastante nos meses que non naveguemos moito”.
4. O cuarto consello a seguir é, literalmente, “non cases con ninguén”; a organización recomenda evitar os compromisos de permanencia xa que é unha das claves para aproveitarnos das mellores ofertas e saírmos correndo se a nosa operadora comeza a fallarnos. En Internet móbil non soe haber compromisos de permanencia, malia que algúns o ofrecen a cambio dun módem USB de balde. Neste último caso aconsellan non aceptar este trato, pois un módem USB é moi barato e “non compensa atarse a un operador”.
5. Por enriba de todo, cae de caixón que unha das mellores pautas a seguir é controlar o que consumimos e antes de contratar, medir o tráfico dos datos que xeramos. Só desta maneira saberemos, “o que máis nos convén”, afirman.
6. Ademais destes consellos, a OCU ínstanos a usar o seu comparador, unha ferramenta de seu que nos permitirá acceder a máis de 1.000 tarifas de 30 operadores distintos, e escoller a que máis se axuste ás nosas necesidades.
A OCU achéganos uns consellos a seguir para aforrar en Internet móbil
Compartir Este Artigo

