
O informe, máis que a avaliar a nosa presenza en Facebook ou Twitter, diríxese, como o seu propio nome indica, a verificar se estamos preparados ou non, dende o punto de vista da seguridade, para vivir no Facebook ou en Twitter. En xeral, dísenos, os usuarios españois son prudentes á hora de decidir quen pode acceder á información que publican nos seus espazos 2.0. Así, arredor da metade permite o acceso de xeito exclusivo aos seus contactos e un 15% adicional só a algúns dos mesmos. Un 20% dos mesmos deixaríalles aos seus amigos ver o seu perfil e os contactos destes.
A nivel de equipamento, a maioría dos computadores domésticos do Estado teñen instalado un antivirus, porén, un de cada tres dá acubillo a malware de alto risco, o que pode significar dúas cousas: que o sistema de protección usado é insuficiente ou ben que se puxo en marcha unha vez que os convidados non requiridos xa estaban dentro.
Polo que respecta á conexión dos adolescentes a contidos non axeitados, o crecemento da taxa é imparable. A menor prezo dos equipamentos e maior universalización dos accesos, engadido isto a certas circunstancias familiares case comúns (pais e nais que teñen de abondo cos seus traballos e obrigas e que non desexan romperse máis a cabeza decidindo que poden, ou non poden, ver os seus fillos na Rede), máis liberdade de manobra dixital para nenos e adolescentes. A situación é especialmente preocupante en casos como o das webs sobre trastornos alimentarios, como por exemplo anorexia ou bulimia, a onde accede decote o 4,5% dos menores. Xa noutra orde de cousas, no informe tamén se reflicte que máis da metade das persoas enquisadas danlle unha nota positiva (de aprobado para arriba) á Internet en cuestión de confianza. Asemade, o 7,7% dos cidadáns sostén que a Rede non lle resulta moi de fiar. Un 1,1% di que non é en absoluto de fiar.
Nove de cada dez internautas son xa usuarios das redes sociais
Compartir Este Artigo
