Ata o vindeiro 31 de xaneiro, todas aquelas persoas interesadas no desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles de última xeración, e que fagan ou poidan facer uso das redes de comunicación móbiles de Telefónica, teñen a oportunidade de gañar ata 10.000 nun Premio que convoca a Cátedra UAM Telefónica, destinada a estudantes, investigadores, empresas do sector ou calquera outra persoa con ideas brillantes do eido da telefonía.
Para participar non é necesario ter amplos coñecementos en enxeñaría pois basta con enviar unha simple descrición da aplicación pensada, sen ter que desenvolver as súas especificidades técnicas. Para iso, a extensión máxima permitida da idea é de 4 páxinas, sendo máis que suficiente unhas liñas para dar a coñecer a idea.
O primeiro e segundo clasificado recibirán un premio de 10.000 e 5.000 euros, respectivamente, e haberá un terceiro premio de 3.000 euros reservado a participantes que non sexan empresas. A maiores, a idea achegada, sexa premiada ou non, pode acabar sendo unha realidade se resulta interesante para Telefónica; neste último caso os autores das ideas poderían optar a outros dous premios: ver a súa idea feita realidade e negociar o proxecto con Telefónica pois seguirán conservando tódolos seus dereitos sobre ela.
As ideas xeradas (sen límite por persoa) deberán enviarse en formato electrónico a través da páxina web da Cátedra UAM-Telefonica, onde tamén se poden consultar as bases legais dos Premios.
Telefónica convoca os II Premios á Innovación para o Desenvolvemento de Aplicacións para contornas móbiles
Compartir Este Artigo

