Cinco Centros de Información á Muller da provincia de Lugo van incorporar un servizo de teletradución para mellorar a atención ás mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade. Trátase dos CIM de Burela, Viveiro, Ribadeo, Monforte de Lemos e Palas de Rei, que contarán cun novo sistema de teletradución a 51 idiomas.
O servizo entrará en funcionamento a vindeira semana, ao abeiro dos convenios de colaboración entre Igualdade e os respectivos concellos asinados esta mañá na Delegación da Xunta de Galicia en Lugo, nun acto ao que asistiron a titular de Igualdade da Xunta, Susana López Abella; a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, e os alcaldes dos concellos implicados na iniciativa.
Tras acreditar a utilidade da teletradución aplicada ao Teléfono de Información á Muller durante un ano, Igualdade decidiu facela extensiva á rede de CIM de Galicia, ás casas de acollida que asisten ás vítimas de violencia de xénero e ás entidades e ONG que desenvolven a súa actividade solidaria neste eido, ás que se comunicou o pasado mes de setembro a posibilidade de adherirse sen custe algún.
En resposta a este ofrecemento da Administración autonómica, un total de 45 CIM das catro provincias manifestaron ata o de agora o seu interese en adherirse ao sistema, que sigue aberto para os que no futuro desexen incorporarse.
5 CIM de Lugo estrean un servizo de teletradución a 51 idiomas
Compartir Este Artigo
