Miguel Churruca, ata o de agora director de marketing e comunicación de Blusens, anunciou esta semana que se desvincula definitivamente da empresa galega de electrónica de consumo, con sede en Santiago de Compostela e emprazamentos e filiais en todo o mundo. Churruca, a quen tivemos o pracer de entrevistar no número 100 da nosa revista en papel (dende hai uns días na rúa), foi sen dúbida un dos grandes artífices do éxito da compañía, afianzándose como unha das súas faces visibles e traballando arreo a prol do desenvolvemento da imaxe pública de Blusens.
Asemade, despregou un importante labor a prol do posicionamento da firma, arestora unha das máis salientables do sector, nos mercados internacionais. Churruca, especializado en publicidade e medios, ten unha ampla experiencia como relator dos máis diversos temas ligados á tecnoloxía dixital en múltiples conferencias internacionais sobre o ámbito TIC. Tamén colaborou a nivel formativo con universidades e outras entidades educativas. Polo que respecta ao seu labor en Blusens, e xa a un nivel máis específico, lembrar que liderou estratexias e proxectos tan innovadores como Blusens TV, unha das grandes apostas tecnolóxicas da compañía.
Miguel Churruca dille adeus a Blusens
Compartir Este Artigo
