Coa inminente posta en marcha da Axencia Galega de Innovación (AGI), que terá lugar nun prazo máximo de dous meses, o Goberno galego, ademais de optimizar a eficiencia e xestión das políticas de I+d+i en toda a Administración, vaille dar pulo ao crecemento e á competitividade das empresas galegas, apostando en todo momento pola valía do noso tecido produtivo.
Neste senso, unha das primeiras accións a levar a cabo consistirá na creación dun Rexistro de Axentes de Valorización da I+D+i, que terá como cometido “apoiar a catalogación e seguimento dos axentes galegos implicados na xeración, difusión e valorización de coñecemento”.
Así o indicou hoxe o director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, durante a inauguración das IV Xornadas de Consulta Matemática para Empresas e Institucións, organizadas polo Nodo CESGA no marco do proxecto estatal i-MATH, orientado á transferencia de coñecemento matemático ao sector produtivo.
Na súa intervención, Capilla puxo como exemplo de iniciativa e esforzo neste ámbito aos investigadores matemáticos galegos, “que souberon non só organizarse entre eles senón aglutinar tamén aos do resto de España nun proxecto conxunto que, lonxe de morrer co seu prazo de execución, está a dar lugar a unha rede estable de transferencia de coñecemento para manter esa relación directa coa empresa a longo prazo”, dixo en referencia á Rede Española de Matemática-Industria, promovida e liderada desde Galicia.
En relación ao Plan i2C, Capilla apuntou que a alta capacitación científica dos recursos humanos ligados ao Sistema Galego de I+D+I, xunto coa súa elevada e valiosa contribución ao proceso de xeración de coñecemento potencialmente innovador (especialmente tanxibles no Sistema Universitario) “teñen que acompañarse dunha maior orientación ao mercado do esforzo investigador”.
Con esta Axencia Galega de Innovación, o Goberno ten previsto fomentar e vertebrar as políticas de innovación en tódalas administracións públicas galegas e liderar as políticas de innovación da Xunta, así como centrar os seus esforzos no fomento de estratexias de valorización do coñecemento desenvolvido polas empresas, universidades e centros tecnolóxicos e de investigación.
A nova Axencia Galega de Innovación implicará a creación dun rexistro de axentes de I+D+i
Compartir Este Artigo

