Os tempos cambian coa chegada das redes, ou, mellor dito, coa chegada do uso irracional e descontrolado das redes. Cando falamos de que os tempos cambian, falamos dunha influencia a tódolos niveis. Mesmo o sexual. Dicir que a Internet é un acubillo de xente á procura de sexo é tersiverxar a realidade, pero non cabe dúbida de que unha boa parte dela está aí, tirando partido de canta ferramenta e servizo novo hai. Segundo nos conta o Servizo de Psiquiatría de USP Dexeus e reflicten medios como Galiciaé, o uso sen control das redes ten impulsado o medre da porcentaxe de poboación con adicións ao sexo.
Hai máis causas, con todo, como o illamento ao que paradoxalmente nos conduce a sociedade conectada, pero non cabe dúbida de que as redes abriron moitas posibilidades de acceso aos contidos sexuais e de comunicación con outras persoas que teñen o mesmo problema. Porque, segundo se di, estamos a falar dun verdadeiro problema, de algo que vai máis alá da busca do contacto humano e do pracer, cousa natural, para meternos xa de cheo no terro das patoloxías, das dependencias, das abstinencias e dos problemas mentais ou físicos que soen vir derivados do consumo das drogas. Como por exemplo o desapego progresivo das responsabilidades persoais ou da comunicación co contorno social, laboral ou familiar máis próximo. A adición ao sexo, afecta hoxe en día a entre o 6 e o 8% da poboación, segundo o devandito Servizo de Psiquiatría, que sinala que se trata dunha porcentaxe en aumento. Esta dependencia dase máis nos homes (85%) que nas mulleres (15%), polo menos a nivel tradicional. Con todo, a cousa cambia a nivel virtual, onde xa non se rexistran tales diferenzas por xéneros. Segundo indica o xefe do Servizo de Psiquiatría, Josep Maria Farré, e reflicten as axencias, coas TIC e as súas diferentes manifestacións, como a mensaxeiría instantánea e os chats, abrollaron novos casos de persoas dependentes, aínda que a tendencia é que se afiancen comportamentos cada vez máis impersoais e breves, sen obrigas nin ligazóns.
O uso estendido das redes dispara o número de persoas adictas ao sexo
Compartir Este Artigo
