O vindeiro 28 de xaneiro celébrase, por sexto ano consecutivo, o Día da Protección de Datos en Europa, unha xornada impulsada por distintas entidades da Unión europea co obxectivo de promover entre a cidadanía o coñecemento dos seus dereitos e responsabilidades sobre protección de datos.
Esta celebración remóntase ao ano 2006, cando o comité de Ministros do Consello de Europa estableceu o 28 de xaneiro como a data para a celebración anual do Día da Protección de Datos en Europa, por coincidir co aniversario da firma do Convenio 108, unha pedra angular na protección de datos no vello continente.
Entre os actos previstos en España con motivo da celebración deste día, a Axencia Española de Protección de Datos organizará a 4ª sesión anual aberta da AGPD, que terá lugar o venres 27 de xaneiro nos Teatros del Canal, en Madrid.
Nesta ocasión, ademais de abordar as novidades máis destacadas en materia de protección de datos tanto no ámbito nacional como internacional, a xornada estará centrada na Computación na Nube ou Cloud Computing, un modelo de prestación de servizos tecnolóxicos en auxe, que na actualidade “suscita interrogantes sobre as garantías aplicables en materia de protección de datos”, e que segundo informan dende a AGPD, “está a ser obxecto de análises e avaliación en distintos ámbitos”.
No marco desta xornada, asemade, a AGPD aproveitará para facer entrega dos Premios Protección de Datos 2011, que este ano acadan a XV edición, e que recoñecen o labor daqueles expertos e medios de comunicación que promoven o coñecemento e a investigación do dereito á protección de datos en todo o Estado.
A AGPD adianta algunhas das actividades que levará a cabo con motivo do Día europeo da Protección de Datos
Compartir Este Artigo

