Nestes tempos de balbordo mediático sobre cousas que nin nos van nin nos veñen, se cadra non sexa unha mala fórmula terapéutica comezar o ano apagando a televisión e poñendo no noso reprodutor un pouco de música, e se pode ser en galego, mellor que mellor. Isto é o que se nos propón, precisamente, dende a web do Consello da Cultura Galega, a través dunha completa reportaxe sobre o que está por vir, en 2012, en materia de música nosa. E o que está por vir ten tres características fundamentais: será moito, será bo e terá, en maior ou menor medida, importantes ligazóns coa Rede.
A maiores, podemos engadir unha cuarta: será variado.
Por unha banda haberá creacións novas de bandas novas e por outra, regresos agardados ao estudo de gravación, como por exemplo o de Os Cempés, logo de tres anos de pausa e a súa posterior campaña en liña co obxectivo de recadar o financiamento preciso para o seu novo proxecto, materializándose xa nos estudos do ribeirense Tomás Axeitos, un proxecto do que se vai dando conta, puntualmente e con todo detalle, no blog do grupo e máis no seu sitio en Facebook.
Outro que tamén cingue dous mundos, o musical e o 2.0, é El Puto Coke, que vén de subministrarlles aos internautas un anaco do que será o seu novo álbum, falamos do vídeo do tema Para el que quiera Calor. A canción é o adianto dun traballo que se pon á venda da man de Boa Music. Outros que tiran o máximo partido das cousas en liña son Zënzar, que lanzan na súa web un aperitivo-agasallo da súa próxima achega, da man de Javier Abreu, un álbum que está previsto que chegue en abril e que se dará a coñecer, facendo moito ruído, no festival Derrame Rock de Ourense.
Amais de todo o devandito, cómpre non deixar de ver a web de O Sonoro Maxín, outra banda galega que prepara traballo discográfico, o primeiro, titulado A onda sonora (chega do interior), producido en Euskadi por Kaki Arkarazo e dispoñible en marzo. A web non é outra cousa, neste intre, que un corazón latexando, ao noso xuízo metáfora máis que axeitada do que acontece no panorama musical galego, que mesmo cando remata o concerto segue vivo. Para quen queira máis información sobre as novidades de O Sonoro Maxín, cómpre que visite o seu sitio en MySpace, cadea de radio propia e máis carta de presentación. E pola banda de Santiago chega Ruxe Ruxe, a mítica banda de rock galego, que aparece na Rede por partida cuádrupla: con blog (O Cortelho dos Ruxe Ruxe), páxina propia e sitios en Twitter e Facebook. A través deles e da reportaxe do Consello da Cultura soubemos que hai novo traballo á vista, con presentación para o 31 de marzo na Sala Capitol de Santiago, acompañados de Medomedá. Nas ditas webs podemos escoitar xa o tema Rock do país.
A música galega bótase ás redes para presentarlle ao mundo as súas novidades
Compartir Este Artigo
