
Por ir adiantando uns cantos nomes, dicir que as xornadas contarán coa presenza de José Selvi, auditor de S21sec (que revisará na súa achega diversas formas de salvagardar comunicacións a través de canles cubertas nas redes sociais, dando conta nun plano máis concreto dunha ferramenta chamada FaceCat que permite redirixir un porto usando un muro de Facebook como tubaxe), ou Chema Alonso, consultor de Seguridade en Informática64, Microsoft MVP (que afondará nas vantaxes de recursos baseados en Terminal Services e Citrix, que ofrecen un contorno de produción extensible aos escritorios alén da fronteira do equipo onde está correndo a aplicación, axudando ás empresas a aforrar custos e a despregar ferramentas a través da Rede).
As xornadas tamén contarán coa participación de Ángel Prado, enxeñeiro de Salesforce, que falará entre outras cousas sobre a cuarta versión de Hackeando o mundo; José Luis Verdeguer, director de sistemas de ZoonSuite, que achegará luz sobre contramedidas e ataques existentes dende instalacións locais en empresas e operadores de voz; Alberto Partida, profesional de seguridade da información, que incidirá nas claves para que un sistema de seguridade teña éxito a través de condicionantes como a sintonía que aquel teña co negocio; ou Sebastián Guerrero, investigador de MalwareInt, que introducirá aos participantes no potencial de traballo, a prol da seguridade, dos dispositivos móbiles Android.
Cómpre salientar tamén a presenza de Diego Ferreiro, enxeñeiro de software de Yahoo!, quen fará un repaso das posibilidades que temos, ou podemos ter, de traballar no seo das grandes multinacionais do sector en materia de programación, protección e seguridade.
Todos os relatores destas xornadas, engaden fontes da Universidade, son a día de hoxe expertos de primeira liña a nivel nacional e internacional do ámbito TIC, “contribuíndo coa súa participación a elevar a estas xornadas ao nivel máximo de calidade e prestixio tanto no contorno académico como no profesional”.
As xornadas de seguridade que conmemoran os 25 anos da FIC contarán con relatores de primeira liña
Compartir Este Artigo
