A empresa Tegnix, integrante da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e comandada polos compañeiros Roberto Brenlla e Carlos Rodríguez, vén de informar dun novo paso adiante do noso colectivo de profesionais do código aberto en materia de espallamento e formación alén da nosa terra. Máis polo miúdo, trátase da participación de Tegnix na preparación cara a un emprego máis fondo do software libre do persoal técnico do Concello de Zaragoza.
Da man da empresa galega, de feito, estáselle a achegar á dita administración un curso de LPI, certificación nivel 1 de administradores profesionais de Linux. Cómpre sinalar que coa certificación LPI acredítase entre outras cousas a capacitación dos alumnos no uso do devandito sistema operativo e máis nas múltiples ferramentas e aplicacións libres ligadas a este sistema. Esta ampliación do radio de acción dos nosos profesionais e dos nosos produtos está a ser valorado por Tegnix dun xeito ben positivo: “O software libre galego, máis aló da súa aplicación en sectores públicos e privados no noso territorio, é tamén unha ferramenta de coñecemento noutras zonas, a través de empresas galegas que realizan os seus produtos en código aberto”.
Volvendo ao curso, dicir que un dos seus obxectivos, amais dos devanditos, é mellorar o servizo interno de soporte aos usuarios do concello, ao tempo que os cualificará para obter a certificación LPIC-1.
Lembrar que LPI son as siglas de Linux Professional Institute, unha organización sen arela de lucro que se dedica á certificación de profesionais de Linux.
O curso está sendo impartido na modalidade de teleformación, empregando formación a distancia con titorías cun dos profesores da empresa Tegnix. A materia desenvólvese ao longo de dous meses, xa que conta cun total de 80 horas online a través da plataforma Moodle de Tegnix.
Para a realización das sesións, informan fontes de Tegnix, tirarase partido de trinta vídeos, duascentas transparencias e cen exercicios prácticos que permitirán ao docente emitir informes semanais sobre o seguimento continuo do alumnado.
Tegnix é unha das entidades autorizadas pola LPI Foundation para impartir esta formación en sistemas de código aberto.
A galega Tegnix forma en software libre aos profesionais do Concello de Zaragoza
Compartir Este Artigo
