O Fórum Cicerón, iniciativa posta en marcha polas universidades galegas para acurtar os espazos entre os nosos empresarios e os estudantes, contará con notable presenza TIC, tanto a nivel de contidos do programa como no que atinxe aos apoios (nos que se atopou, na anterior edición, unha das principais firmas do sector galego, en materia de internacionalización e envergadura: Blusens). A idea sobre a que se sustenta o foro, indicou o reitor Salustiano Mato na súa presentación, onte mesmo, é a seguinte: evitar na medida do posible que os nosos talentos marchen.
O Fórum Cicerón, con todo, non é unha experiencia nova, de feito chega en abril á súa segunda edición, só que con novo emprazamento: cambiamos a Illa de San Simón polo concello das Pontes.
Durante tres días, a comunidade de universitarias e universitarios máis prometedores da nosa terra terán a oportunidade de dialogar cunha manchea de representantes do tecido produtivo galego, “pudendo ata materializarse, este diálogo, en contrato de traballo”. O reitor, na presentación da nova convocatoria do evento, amosou a súa preocupación polo que considera unha das nosas grandes lacras sociais e económicas: a fuga continua de mozas e mozos con alto coñecemento e preparación tecnolóxica e investigadora á procura de traballo lonxe da nosa terra. Segundo fixo saber e para que os presentes se fixeran unha idea, nos últimos anos preto de 50 enxeñeiros foron recrutados por firmas alemás que os veñen buscar ás escolas, o que demostra que o desemprego non é por falta de talento “senón por unha cultura empresarial errónea” que eventos como este foro axudan a mudar, dixo.
O Fórum celebrarase entre o 11 e o 13 de abril nas Pontes. Na pasada edición participaron 32 estudantes e 11 empresas como Blusens, Lonza, Banco Pastor ou Repsol YPF, acadando un índice de inserción laboral superior ao 50%. Para quen queira ver todo o relativo ao evento e as súas implicacións, dicirlle que xa está en marcha a web sebuscatalento.es, onde se dá conta dos obxectivos e das canles para ir formalizando a participación. Chama a atención, con todo, que malia ser unha iniciativa promovida polas tres universidades e máis a Xunta figure toda a documentación en castelán, sen que se lle empreste ningunha atención ao galego, cousa que agardemos se solucione para as vindeiras edicións da xuntanza.
Fórum Cicerón: búscanse as novas faces do tecido produtivo galego
Compartir Este Artigo
