
“Como exemplo da nosa pegada”, informan, “podemos dicir que se pomos en Google os termos deseño galego, a primeira entrada é GaliciaDS, por diante de creadores e de empresas de gran renome”. En cuestión de visitas, a traxectoria non está de mal para estarmos falando dun blog tan específico: recibe arredor de 500.000 anuais, e “todo sen facer promoción de ningún tipo do noso blog”. GaliciaDS vén da man dun colectivo de deseñadores industriais da nosa terra cuxo obxectivo é informar de tódalas actividades ligadas ao seu ámbito de traballo. En termos deles mesmos, en certa maneira estamos a falar dunha plataforma de “loitadores do deseño industrial galego”, emprestándolles a atención que se merecen ás empresas centradas no deseño e aos profesionais da nosa terra, traballen aquí ou lonxe de aquí.
Estes días están atarefadas/os en relanzar o seu espazo web, logo de varios anos de inactividade, cousa que non lles vai resultar moi complicada, xa que o nivel de visitas mantívose alto, a xulgar polas estatísticas, mesmo no tempo de parón informativo. Así nos achega o equipo de GaliciaDS ás súas orixes: “Nun comezo o blog foi creado como un experimento cando case non existían blogs, falabamos de deseño industrial en xeral e moitas empresas, profesionais e profesores nos enviaron correos de apoio, e ata ofertas de traballo para que os puxeramos en contacto con deseñadores, que mellor filtro para obter bos profesionais que un grupo que os coñece; ademais, as empresas aforraban en medios tipo Infojobs xa que nós enviabamos os currículos máis axeitados segundo o tipo de profesionais que precisaban, xa que dispuñamos dunha importante base de datos entre os nosos colaboradores”.
Actualmente, a idea dos creadores da bitácora é achegar un novo gran de area para a promoción do deseño industrial galego, xa que teñen a crenza de que debe ter a maior repercusión posible no mundo, tanto pola súa gran calidade intrínseca, que a ten e moita, como polo intre polo que estamos a pasar, unha crise produtiva que nos obriga a impulsar métodos de traballo rendibles baseados no coñecemento e na creatividade.
O método de funcionamento de GaliciaDS é o dunha rede sen arela de lucro, non xerárquica e moi participativa. “Considerámonos os Anonymous do deseño industrial”, informan. Os colaboradores envían de xeito desinteresado novas, proxectos e todo tipo de experiencias co que se lle vai dando forma á base de coñecemento que achega a web. Segundo nos conta, moitos destes colaboradores non se coñecen entre si, pero “somos unha estrutura ben organizada, unha especie de web orgánica que cobrou vida por si soa onde simplemente unha serie de persoas revisan os seus artigos no seu tempo de lecer”. Cando un artigo ten o visto bo dun certo número de integrantes, publícase.
GaliciaDS comeza unha nova andaina web para promover ao máximo o noso deseño industrial
Compartir Este Artigo
