
Na súa opinión, a saída da crise non é só cuestión de cartos, senón de creatividade. Para a asociación galega, os novos empresarios non precisan tres aeroportos pelexando entre eles por pasaxeiros, senón servizos máis eficaces e accesibles. Este compromiso a prol da creatividade é, xustamente, o que lle reclaman á Xunta, informan, co fin de pór en marcha medidas innovadoras que teñan “incidencia positiva e inmediata na situación dos emprendedores e pequenos empresarios que tentan manterse a flote, creando emprego na comunidade autónoma”.
Segundo apunta a presidenta de AJE Galicia, Patricia García, o custe que supón para unha pequena empresa un servizo básico como o ADSL, ou telefonía móbil con acceso a Internet (imprescindible, di, para os que non contan nin sequera cun despacho físico), sumado ao prezo da seguridade social, “poden consumir tódolos ingresos mensuais das devanditas empresas, isto sen contar cos gastos que se derivan da contratación do persoal”. Na proposta que lle envían ao Goberno galego, os novos empresarios galegos convidan á Xunta a que traballe por axustar o prezo dos devanditos servizos, de outros como os apartamentos urbanos. “Poderíase habilitar isto para as empresas”, din, “co fin de que poidan aparcar en zonas de carga e descarga cando estean facendo visitas comerciais, ou darlles descontos nos aparcamentos para diminuír o custe do servizo”.
AJE Galicia pídelle á Xunta medidas para abaratarlles as TIC aos emprendedores
Compartir Este Artigo
