As empresas que forman parte do Cluster TIC Galicia, sabedoras de que tal e como están as cousas no noso país a mellor opción e tratar de levar os seus produtos e servizos ao estranxeiro, van apostar polos países de Latinoamérica e Europa do Leste para a súa internacionalización, onde algunhas destas empresas socias xa teñen botado áncoras.
O Plan de Internacionalización do sector TIC no que se enmarca esta decisión, vén de fixar os devanditos mercados como “preferentes”, por atoparse alí “as oportunidades que mellor se adaptan ao panel de produtos dos membros do Cluster”. Así se deduce dos traballos avanzados polo grupo de traballo de Internacionalización Demanda Temperá da entidade, que se levaron a cabo para atopar novos mercados emerxentes para as empresas socias.
Dentro de Latinoamérica, os países que o Cluster atopa “máis interesantes” son Brasil, Colombia, México e Arxentina, “con Chile e Perú en segundo plano”, engaden.
Segundo afirman os seus responsables, estes países “contan con economías emerxentes e achegan unha gran demanda de servizos e tecnoloxía”, e asemade, é nos seus mercados onde algunhas empresas do Cluster xa teñen experiencia con clientes, socios, distribuidores ou provedores.
Polo que respecta a Europa, os países que ao seu parecer ofrecen “as mellores oportunidades” sitúanse no Leste, con Rusia e Polonia á cabeza, sen esquecer a Alemaña, que consideran “un bo terreo de actuación para os socios que prestan servizos de software”.
Este Plan de Internacionalización do que falamos é un compromiso adquirido polo Cluster TIC Galicia ante a Consellaría de Economía e Industria, polo que conta co “apoio expreso” da Administración galega.
O Cluster TIC Galicia apostará por Latinoamérica e Europa do Leste para a súa internacionalización
Compartir Este Artigo

