Estes días presentouse en Lugo unha innovadora iniciativa empresarial que cingue dous mundos que sobre o papel non semella que teñan moito que ver: o do deporte e o das novas tecnoloxías da información. Falamos de +Qpadel, un proxecto galego posto en marcha por Gestibeca Sport e que entre outras cousas implica a posta en marcha dunhas instalacións deportivas no Polígono de Ceao (Rúa Cesteiras), ocupando máis de 2.000 m2 e contando nun principio con catro pistas de pádel duplas, unha individual, dúas pistas de bádminton, dous frontóns, dúas mesas de tenis de mesa e outros equipamentos. E cunha web que é a columna vertebral de todo.
Segundo fai saber a empresa responsable destes novos servizos (que é posible que teñan continuidade en máis infraestruturas noutras zonas de Lugo), a proposta vén acompañada dunha plataforma web que, sinala, marcará un antes e un despois no eido do deporte e as comunidades en liña de seareiros. Falamos do portal mqpadel.com, unha aplicación informática “innovadora e útil” que permitirá, entre outras cousas, a reserva en liña das pistas, a recarga de abonos ou a entrada en rankings de xogadores segundo os resultados dos partidos xogados.
“Trátase dun punto de apoio na Rede”, informa Gestibeca Sport, “que facilitará a interrelación entre os xogadores, pois ademais da reserva de pistas con días de antelación, posibilitaralles programar partidos, retar a outras persoas a xogar ou chatear con outros usuarios das instalacións”.
+Qpadel, como dixemos, vén da man de Gestibeca Sport S.L., empresa promovida por tres lucenses que iniciou a súa andaina en 2008 no Programa do Viveiro de Empresas da Fundación CEL Iniciativas por Lugo.
+Qpadel: facendo deporte en Lugo coa liña de saída na Rede
Compartir Este Artigo
