Cada vez escoitamos falar máis de virtualización e, a non ser que esteamos metidos en materia, será como ouvir falar en chinés. De feito, a propia denominación do concepto leva a erro: fainos pensar en cousas que se desenvolven noutro plano e non teñen máis repercusión neste. En todo caso, nada máis lonxe da realidade: se as cousas se fan dun xeito seguro e racional, permítenos ser eficaces, aforrar en infraestrutura e rendibilizar custes. As empresas sábeno, non só as grandes. De feito, as PEME superarán ás grandes firmas en 2012 en materia de virtualización.
Este dato, achegado por Acronis e unha enquisa de seu elaborada sobre un alicerce de pequenas e medianas empresas de todo o mundo, sinala que o devandito crecemento da virtualización refírese aos servidores. No informe participaron os responsables TIC de seis milleiros de empresas de 18 países. As predicións apuntan ao seguinte: arredor do 29% dos seus servidores estará virtualizado a finais de ano, o que significa unha taxa de crecemento do 21%. Esta cifra é un 50% maior cá relativa ao procedemento análogo nas grandes empresas, que achegou, segundo informa Gartner, unha taxa do 14% durante o mesmo período.
En base á enquisa, as PEME basean a súa aposta nas maiores porcentaxes de eficacia, flexibilidade e velocidade que se lles achegan. Con todo, non é ouro todo o que reloce. Segundo Acronis, a resposta positiva das PEME non semella vir acompañada dun proceso de desenvolvemento parello en materia de protección. Así, o informe detectou importantes deficiencias no eido da copia de seguridade e máis no da recuperación ante incidencias ou desastres. De feito, dise, máis da metade das PEME do sur de Europa, un contorno especialmente deficitiario en medidas básicas de protección, admite que non realiza copias de seguridade das súas máquinas virtuais con tanta frecuencia como as dos seus equipos físicos.
A virtualización de servidores nas PEME superará en 2012 á das grandes empresas
Compartir Este Artigo
