A Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo vén de presentar a oferta de obradoiros formativos que ten preparados para celebrar durante o segundo catrimestre, entre os que destacan os ligados á creatividade e ás novas tecnoloxías.
Os talleres, que darán comezo a canda a primavera, cobren un amplo abano de contidos e de horarios, e de entre todos os ofertados destacan os que fan especial fincapé nas actividades artísticas e creativas e nas novas tecnoloxías, así como os que fusionan ámbalas dúas modalidades, como o de Iniciación á curtametraxe, e o de Iniciación á Fotografía Dixital.
Esta non é a primeira vez que a Universidade de Vigo oferta un curso de iniciación á curtametraxe, porén, desta volta, fará especial fincapé no eido do documental. A actividade consistirá en mostrarlle ás persoas participantes o xeito de realizar unha curta documental, “pensando na súa participación posterior en concursos e certames”, apunta Alfonso Caride, técnico superior de Actividades Culturais da Universidade.
E é que a idea deste obradoiro é que estas pezas documentais “sirvan tamén para amosar o campus, as súas instalacións, algún proxecto científico ou mesmo a riqueza natural da contorna”, engadiu.
Aos obradoiros de poesía, guitarra, danza, voluntariado ou teatro, hai que engadirlle a oferta de obradoiros dedicados ás novas tecnoloxías, que de novo farán fincapé na Introdución ao software libre e GNU/Linux.
Tamén se celebrará un obradoiro de modelado 3D e contornas virtuais, blender e sketchup.
O prezo destes cursos, para os que xa está aberto o prazo de matrícula, varía entre os 20, 30 e 40 euros, segundo vaian dirixidos para o público en xeral, a comunidade universitaria ou para os bolseiros da Universidade.
Os obradoiros ofertados pola Universidade de Vigo para o 2º catrimestre fan especial énfase nas TIC
Compartir Este Artigo

