A partir do vindeiro mércores, 22 de febreiro, vaise celebrar no IFEMA de Madrid o Congreso Internacional e Feira Profesional Expolearning 2012, un evento dedicado ao sector do ensino a distancia, no que participará a galega Training Chanel, unha vella coñecida de Código Cero.
A firma coruñesa, que contará cun stand de seu no recinto, dedícase a editar canles temáticas de formación a través de Internet, permitíndolle ao alumnado interactuar en tempo real cos formadores e profesores, independentemente das distancias no espazo que existan entre eles.
O servizo ofrecido por Training Chanel integra as vantaxes metodolóxicas e académicas da formación presencial, coa flexibilidade e redución de custes inherentes á formación en liña (ou e-learning), o que da lugar ao que eles denominan freshlearning, “un servizo único, divertido e motivador que está a revolucionar o mundo da formación”, afirman.
Máis de 3.000 profesionais de 18 países visitarán a feira Expolearning no pabillón 2 do IFEMA os días 22 e 23 de febreiro, onde poderán comprobar de primeira man os avances acadados en aplicacións móbiles para e-learning; a tecnoloxía cloud computing e a intelixencia artificial aplicada ao mundo da formación, entre outras cousas.
A temática central do Congreso Internacional será, por outra banda, a personalización do e-learning, para o que se abordarán as áreas máis innovadoras no sector da formación en liña, como as comunidades de prácticas, as redes sociais, a Web 2.0, o e-learning 2.0… cun enfoque moi actual, a través de foros, exposición de casos prácticos ou mesas redondas sobre tendencias de futuro.
A asistencia a esta feira é de balde, porén a inscrición ao Congreso ten un prezo de 295 euros por persoa que inclúen a posibilidade de participar nos diferentes talleres e obradoiros prácticos, así como asistir ás conferencias de relatores “de algo nivel”, tal e como aseguran dende a organización.
O programa inclúe, asemade, a celebración dun Symposium Internacional de Dirección de Persoas; unha Xornada de Administracións Públicas; unha nova edición de Educaparty, onde profesores de toda España comparten as súas experiencias no uso das TIC; e outras actividades complementarias que dependendo das mesmas serán ou non de balde.
A galega Training Chanel mostrará en Madrid a súa tecnoloxía punteira en e-learning
Compartir Este Artigo

