A Oficina de Información do Parlamento Europeo en España vén de convocar a XVIII edición do concurso Euroscola, destinado a mozos e mozas de entre 15 e 18 anos, que estudan ensinanza secundaria obrigatoria, bacharelato ou ciclos de formación profesional de grao medio en centros españois.
Trátase dun xogo en liña no que se poñen a proba as habilidades, destrezas e coñecementos dos participantes no tocante á Eurorrexión, así como a capacidade de traballo e a velocidade de resposta dos grupos participantes.
O concurso fomenta o uso de Internet como ferramenta educativa, informativa e comunicativa, así como a aprendizaxe doutra lingua, fundamental para “conseguir unha Europa unida”, asegura a organización.
Para poder participar, os equipos deben estar formados por un total de 10 alumnos e alumnas e un profesor ou profesora, que terá o papel de líder.
O prazo de inscrición está aberto ata o 1 de marzo a través da web Euro-scola 2012, e cada centro de ensino pode presentar tantos equipos como desexe, malia que só un equipo por centro poderá aspirar a gañar o premio.
Tampouco se permite máis dun finalista por Comunidade, de entre todos, os 9 equipos españois mellor clasificados serán os gañadores do premio final, consistente na participación no Programa Euroscola do Parlamento Europeo en Estrasburgo, no que estarán tamén os equipos dos 26 países membros restantes da Unión Europea.
Pola súa banda, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que ten especial interese en que participe o maior número posible de equipos galegos, premiará ao gañador da nosa Comunidade cunha estancia dunha semana no Albergue Xuvenil de Gandarío (A Coruña).
Na edición deste ano, coincidindo coa celebración do 25 aniversario do Programa Erasmus e do Ano Europeo do envellecemento activo e a solidariedade interxeracional 2012, o tema central será dar a coñecer as oportunidades que brindan os programas europeos de intercambio educativo, destacar a importancia da aprendizaxe ao longo de toda a vida (aprendizaxe permanente) e fomentar a solidariedade entre xeracións.
Convocada unha nova edición do concurso en liña Euroscola
Compartir Este Artigo

