
E todo isto, malia estarmos arestora nunha fonda focha produtiva que, de xeito case inevitable, tamén se vai facer sentir a curto e medio prazo. Así o fixo saber no dito acto o director de Gradiant, Fernando Pérez, que logo de recordarlles aos presentes que 2012 será un ano “moi duro”, incidiu na cifra acadada de contratos, máis de dous millóns de euros en contratos e con dous obxectivos claros: “Incrementar os ingresos por venta de propiedade intelectual e a posta en marcha de outras formas de transferencia, como a constitución de spin-offs”.
O exercicio do ano 2011 pechouse cunha cifra de facturación de servizos de I+D a empresas, máis do 60% da actividade do centro, cun medre dun 20% con respecto a 2010, “mantendo un volume de ingresos semellan a aquel ano”. Asemade, incidiuse en que entre un 7 e un 8% dos ingresos de empresas proveñen da venda de propiedade intelectual xerada polo centro e en que ao longo de 2011 solicitáronse varias patentes internacionais, sobre transmisión de contidos dixitais e sobre filtrado adaptativo seguro, así como unha patente nacional sobre sistemas de predición de cobertura.
Amais do devandito, fíxose saber que ao longo dos seus tres anos de vida, Gradiant acadou un ingreso no rexistro nacional de Centros de Innovación e Tecnoloxía, cumprindo as rigorosas esixencias respecto a reducir o financiamento público non competitivo (a un 0% en 2011) e incrementar o investimento privado en iniciativas de I+D, sinalouse na presentación dos datos celebrada este luns. Por certo que tamén houbo sinais positivos, engadiu Gradiant, no que se refire ao medre do equipo humano, que pasou de 45 persoas ás 59 de hoxe, dándose este incremento no eido investigador e non nos de soporte e administración. Prevese que en 2012 o número de traballadores aínda vaia a máis, sobre todo grazas a proxectos como LiftGate, que inclúe 2,6 millóns de euros procedentes do Programa Marco, da Comisión Europea.
O centro Gradiant comeza o ano con máis de 2 millóns de euros en contratos
Compartir Este Artigo
