Estes días puidemos ver como no Mobile World Congress de Barcelona os móbiles con Android están a vivir un dos seus mellores momentos, o que resultou evidente con atractivos terminais como o HTC One S ou o LG Optimus 4X HD, pero non é para menos, pois dende Google tiveron a ben desvelar algúns dos seus datos do seu sistema operativo móbil, e resulta que a día de hoxe están a rexistrar máis de 850.000 activacións de dispositivos ao día, cantidade confirmada por Andy Rubin, vicepresidente de enxeñaría de Google, quen tamén asegurou que o Android Market xa recolle máis de 450.000 aplicacións, polo que cada vez é maior a necesidade de peneirar entre tal abundancia de contidos, xa que unha vez superado o factor cantidade, as aplicacións Android deberían centrar os esforzos na calidade.
Ata o momento estímase que xa se activaron uns 300 millóns de teléfonos con Android, o que parece difícil de crer, pero Rubin deixou claro que eles non repiten dispositivos nas súas contas (ou sexa, que un móbil de segunda man non volvería a computar, fronte ao que pensaban algúns), demostrando que o feito de que múltiples fabricantes (como Samsung, Motorola, LG ou HTC) optasen por Android foi todo un acerto á hora de desenvolver unha plataforma que poida competir co iPhone de Apple.
Nesta mesma liña Eric Schmidt, presidente de Google, comentou durante o Mobile World Congress que, “facendo cálculos e seguindo a lei de Moore, en 12 os teléfonos que hoxe custan 400 dólares pasarán a custar 20 dólares” para engadir que se a súa compañía fai ben as cousas “haberá un Android en cada peto”. Parece así inevitable a democratización da tecnoloxía e do acceso á Rede que facilitarán todo este tipo de dispositivos na súa revolución do xeito de comunicarnos.
Rexístranse máis de 850.000 activacións de dispositivos Android ao día
Compartir Este Artigo
