O Servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, xunto co Servizo de Cooperación, vén de pór en marcha a web accesible Pousadas do Salnés. O proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, xorde co obxectivo, en palabras do órgano provincial, de crear e poñer en funcionamento infraestruturas turísticas accesibles, dotadas de elementos para coñecer e gozar dos recursos naturais e do medio ambiente da comarca do Salnés e así mesmo poñer en marcha actividades de formación e uso medioambiental.
Nun contexto máis amplo a iniciativa pretende achegarlles o turismo da comarca a todos os cidadáns con independencia das súas características e diversidades funcionais ou motrices. As actividades inseridas nesta iniciativa céntranse en tres elementos turísticos principais:
· Pousadas da comarca como elementos accesibles e sostibles cos que se busca unha estratexia de planificación onde se perfilen como eixes fundamentais para o desenvolvemento social, turístico, cultural e económico desta comarca.
· Rutas accesibles para persoas con diversidade funcional, coma a senda fluvial do río da Chanca, a ruta da Pedra da Auga, a senda fluvial do río San Martiño ou a ruta da cultura marítima do Salnés.
· Escavacións accesibles englobadas no ámbito de aplicación do programa Protección e preservación do patrimonio cultural, con actuacións de recuperación de espazos históricos nas escavacións arqueolóxicas da Lanzada, en Sanxenxo e do monte do Castro en Ribadumia. Coa posta en valor destes xacementos rexenerarase un espazo libre nos seus respectivos termos municipais e coa súa adecuación ás visitas xerarase un novo recurso do turismo cultural que funcione como un factor de atracción para a comarca do Salnés.
Para difundir os resultados desta iniciativa optouse por construír un portal web con diferentes tipos de contidos con información das iniciativas turísticas accesibles existentes na comarca do Salnés obxecto do proxecto.
Estrutura de contidos do portal de Pousadas
A web de Pousadas centra a súa estrutura de contidos nos tres elementos fundamentais comentados con anterioridade: as pousadas, as rutas turísticas e as escavacións accesibles da comarca do Salnés. Cómpre salientar de novo a importancia do concepto “accesible” tendo en conta a vocación desta iniciativa para fomentar este tipo de turismo dentro do colectivo de persoas discapacitadas. Facemos agora unha descrición polo miúdo dos principais contidos incluídos na devandita web:
· Información de pousadas: o portal conta cun apartado con información das pousadas de Ribadumia, A Armenteira, A Lanzada e Meaño e mais cun vídeo explicativo. Tamén permite consultar un mapa interactivo, baseado na tecnoloxía prestada por Google Maps, no que se amosa a situación das pousadas. Adicionalmente, para cada unha delas a web ofrece información xeral, outros datos de interese, servizos incluídos, recomendacións e unha galería de fotos.
· Información de rutas accesibles: está estruturada nun apartado de información xeral que contén un vídeo explicativo e un mapa de localización das diferentes rutas publicadas no portal. Para cada unha delas o portal detalla os seus diferentes tramos con datos coma a dificultade, a distancia ou a duración. Tamén se pode visualizar o percorrido da ruta nun mapa interactivo, no cal se poden consultar os principais puntos para visitar por medio de fotografías. As coordenadas GPS de cada percorrido pódense descargar para incorporalas a un navegador GPS. O portal ofrece tamén a posibilidade de descargar unha audio-guía dos diferentes puntos do percorrido así como un folleto explicativo e unha ficha técnica de cada unha das rutas. Por último, cada unha delas complementa a súa información cunha galería fotográfica.
· Información de escavacións: o portal de Pousadas ofrece información detallada das escavacións incluídas no proxecto: localización, información histórica e galería fotográfica, entre outros
· Outros contidos da web: o portal de Pousadas compleméntase con outros contidos entre os que destaca un apartado de novas e outro dedicado ó proxecto global cos obxectivos, a participación pública no proxecto, etc.
Contido en varios idiomas
“Dado o carácter de divulgación turística do portal é importante que estea en varios idiomas, o que garante que a información lle chegue a un maior número de cidadáns”, sinálase dende a Deputación. Por este motivo o portal de Pousadas está dispoñible en galego, castelán e inglés.
Accesibilidade no portal
“Nun portal con información orientada ó turismo accesible é de vital importancia a utilización dunha tecnoloxía que garanta que a información poida ser consultada por cidadáns con discapacidade”, engade o órgano provincial. Por este motivo, explica, o portal foi deseñado para cumprir co estándar de accesibilidade AA. Este estándar, definido polo WorldWide Web Consortium (W3C), comunidade internacional dedicada a desenvolver estándares que permitan a evolución da Web cara ó seu máximo potencial, está orientado a garantir o acceso a portais da Internet e os seus contidos a todas as persoas con independencia da características físicas, intelectuais ou técnicas que presenten ou das que se deriven do contexto de uso: tecnolóxicas ou ambientais.
En definitiva, o estándar AA permite que todos os usuarios poidan acceder en condicións de igualdade ós contidos do portal. Isto enriquece a web de Pousadas incorporando nela os seguintes compoñentes que favorecen a súa accesibilidade:
· Un texto alternativo ás imaxes e indicación dos enlaces cunha denominación significativa que lles permita ós usuarios cegos utilizar lectores de pantalla ou liñas Braille para accederen ós contidos.
· Subtítulos asociados ós vídeos para que os usuarios con dificultades auditivas poidan entendelos.
· Contidos escritos nunha linguaxe sinxela e ilustrados con diagramas e animacións para que os usuarios con dislexia ou problemas de aprendizaxe estean en mellores condicións de entendelos.
· Tamaño do texto, botóns e áreas activas suficientemente grandes para favorecer que os usuarios con problemas visuais o poidan ler sen dificultade e facilitarlles o uso ós usuarios que non poden controlar o rato con precisión.
· Eliminación, na medida do posible, das accións que dependan dun dispositivo concreto para facilitar que o usuario poida escoller o dispositivo que máis lle conveña.
Plataforma tecnolóxica
O portal de Pousadas do Salnés, informa o órgano provincial, implantouse na plataforma de portais da Deputación de Pontevedra baseada na solución de software libre LifeRay. O emprego desta ferramenta tecnolóxica garante a posibilidade de realizar un mantemento áxil dos contidos incluídos na Web así como modificar a estrutura da mesma de forma sinxela. Entre as principais características desde xestor de portais, a Deputación salienta as seguintes:
· Esta plataforma é compatible coa maioría de servidores de aplicacións e a base de datos existentes no mercado.
· É compatible co estándar de desenvolvemento de “portlets” JSR-286. Ademais, a plataforma dispón de máis de 60 “portlets” xa construídos. A utilización de “portlets” é unha das características máis salientables da plataforma que permite a reutilización de funcionalidades en diferentes portais da institución.
· Inclúe un sistema de xestión de contidos (CMS) e un contorno colaborativo.
· Permite a personalización de páxinas para os diferentes usuarios.
· Inclúe sistemas de seguridade integrados na plataforma.
· Permite a definición de fluxos de aprobación para os contidos incluídos na web.
· A implantación deste portal, xunto coa cantidade e variedade da información publicada nel e os recursos tecnolóxicos empregados na súa construción, logra o obxectivo de realizar unha completa difusión do proxecto Pousadas do Salnés garantindo o acceso á devandita información de maneira totalmente accesible.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a web accesible Pousadas do Salnés
Compartir Este Artigo
