As nosas empresas do audiovisual seguen a pisar forte, e non só na nosa terra. Dende hoxe mesmo, mércores 29, e segundo informa o CLAG, contamos cunha avanzadiña de primeira orde nun evento que tamén é, en definitiva, de primeira orde: o Rio Content Market, mercado internacional emprazado en Rio de Janeiro que mantén abertas as súas portas ata o 2 de marzo e que serve entre outras cousas para botar abaixo o meirande número de posibles atrancos no camiño da internacionalización. A dita avanzadiña está formada por empresas que, en maior ou menor medida, apoian a súa actividade no emprego das novas tecnoloxías da información. É o caso de Moonbite, de quen temos falado nesta web para informar das súas interesantes achegas no eido dos videoxogos.
En compaña de Moonbite tamén estarán Continental, Ficción e Zoa Media. Todas elas presentarán en detalle os contidos perante a industria audiovisual brasileira e do resto do mundo.
A asistencia a este mercado está cofinanciada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a través dun convenio de colaboración co Cluster Audiovisual Galego para “impulsar a internacionalización das empresas do sector, vixente dende o ano 2010”. O convenio de colaboración entre o IGAPE e o CLAG abrangue actividades como por exemplo a asistencia a mercados como IBC Amsterdam, Cartoon Movie, FICOD ou Broadcast, entre outros.
Segundo informa o Cluster no Facebook, a “presenza do CLAG en Rio Content Market 2012, permitiralles ás empresas do audiovisual galego crear novas oportunidades de negocio para os contidos audiovisuais e multiplataforma en América Latina; así como coñecer de primeira man discutir e presentar as tendencias e innovacións no campo dos contidos multiplataforma”.
Por parte do CLAG, a súa xerente, Mar Varela, reunirase durante a feira con Rachel do Valle, directora de Internacional de Brazilian TV Producers, para explorar posibles canles vías de colaboración entre as entidades.
Forte presenza galega no Rio Content Market de Brasil
Compartir Este Artigo
