O operador galego R, unha das empresas que máis salienta en España polo nivel de satisfacción dos seus clientes, vén de ser elixida por NCG Banco como o seu provedor principal de telecomunicacións. Máis polo miúdo, a empresa que dirixe Arturo Dopico encargarase da extensión da rede de fibra óptica no tecido de oficinas da nova banca galega, buscándose con estas melloras dous obxectivos fundamentais: o incremento e mellora da velocidade e máis das prestacións e servizos que NCG pon a disposición dos seus 2,9 millóns de clientes repartidos en toda a xeografía española.
O contrato, informa a entidade, cubre os servizos de telecomunicacións e tecnoloxía das 1.000 oficinas, 1.500 caixeiros de NCG Banco, así como as conexións a internet, ademais de todos os terminais, ordenadores e teléfonos da banca.
O operador, en virtude deste achegamento, subministraralle á nova caixa tódalas súas solucións a través dun sistema IP co que se garantirá “ao cento por cento as comunicacións fixas da entidade galega, conectadas cunha rede corporativa privada de fibra óptica”. O traballo despregado por R ao abeiro deste contrato xa comezou a dar os seus froitos. De feito, segundo engade NCG, as primeiras liñas de alta velocidade que fornece R xa posibilitaron a conexión de sete sucursais na nosa terra. A intención é acadar un ritmo de 10 oficinas incorporadas cada día ás novas condicións tecnoloxías. Prevese que o servizo fique ao cen por cen preparado en toda España durante este verán.
O contrato ten unha duración de cinco anos con opción de renovación por outros dous. Valórase nun importe de 39,2 millóns de euros “e permitiralle ao banco galego reducir os custos das telecomunicacións nun 24% anual”, engade NCG.
As reaccións a este acordo en ámbalas dúas empresas está a ser especialmente positivas. Segundo fai saber Idoia Maguregui, directora xeral de Medios da banca, “investir en tecnoloxía é investir nos nosos clientes e, polo tanto, investir en futuro”. A isto, sinala, cómpre engadirlle o valor de investir en Galicia, que se pretende sexa o alicerce futuro da nova entidade galega. Para Arturo Dopico, conselleiro delegado de R, “NCG permítenos, tamén a nós, darlle percorrido ao compromiso que temos cos galegos e coas empresas de Galicia –destas, xa máis de 65.000 son clientes de R- para dotalas das modernas redes de última xeración que dispoñen de maior capacidade, posibilidades de crecemento e adaptación ás demandas do mercado”.
O operador galego R convértese no provedor principal de telecomunicacións de NCG Banco
Compartir Este Artigo
