Ximena Enxeniería vén de cumprir dez anos de vida no tecido económico galego, unha circunstancia a ter moi en conta se atendemos aos atrancos cos que se atopa na actualidade unha iniciativa emprendedora e innovadora (e sen querermos desanimar a ninguén). Atrancos que teñen ver coa crise pero tamén cun eido produtivo, o noso, que aínda ten prexuízos que superar no seu camiño cara á modernización e na súa apertura ao mundo. Segundo conta a Fundación CEL, Ximena celebra o seu aniversario dende Lugo tras pór en xogo múltiples elementos que apenas tiñamos visto antes da súa chegada.
Por exemplo: unha serie de servizos dirixidos a facilitarnos a xestión do medio natural, e máis a formación arredor del, a través do uso e achega de novas tecnoloxías. A empresa vén da man de tres emprendedoras, comezando a súa andaina no viveiro da Fundación CEL. A súa traxectoria foi recoñecida pola Xunta de Galicia (cualificándoa como Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica) e máis pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación, ANCES. Igualmente, ten recibido o apoio de institucións académicas e de investigación, como a Universidade de Santiago, que lle deu no seu día o primeiro premio do seu certame de iniciativas empresariais.
Ximena conta con departamentos técnicos e de investigación dende o que se desenvolven, entre outras cousas, recursos para o traballo con imaxe dixital. De feito, a fotointerpretación automática deste tipo de imaxe é un dos seus principais ámbitos de actividade, co fin de crear Sistemas de Información Xeográfica e xerar cartografía temática (sinala a empresa na súa web), que é precisa para a xestión e caracterización do territorio e dos procesos que nel se desenvolven. “Actualmente”, engaden, “seguimos coas nosas investigacións neste eido para ofrecer ao mercado novos produtos derivados das ortofotos e máis a aplicación de algoritmos para a súa análise”.
Ximena cumpre dez anos de vida achegando novas tecnoloxías para a xestión do medio
Compartir Este Artigo
