A rede está inzada de topónimos galegos deturpados e moitos casos non veñen da man de iniciativas sen orzamentos para conquerir un traballo de calidade dende un punto de vista técnico pero tamén lingüístico, cultural e social. Ás veces, a chapuza vén da man de quen máis cartos ten ou de quen move máis documentación. É o caso de Bing (de Microsoft) ou do Instituto Xeográfico Nacional, ou mesmo da rede Facebook. A listaxe é imparable. Polo visto, os cataláns tamén teñen o seu, e os días pasados tiveron un tirapuxa con Google para que solucionase as múltiples deturpacións dos seus topónimos no servizo Earth. A cousa rematou cunha rectificación do buscador.
O tirapuxa remóntase a decembro, cando os usuarios cataláns de Google Maps puideron comprobar como os nomes orixinais, e recoñecidos legalmente, das súas localidades víanse substituídos por versións que se remontan aos tempos en que todo o que parecese catalán, ou galego, producía urticarias nas autoridades. En realidade, do que se trataba é dunha tradución automática dos topónimos cataláns, cousa que, como se pode supoñer, chegaba a altos niveis de ridiculez. Google sinalou primeiro que o erro estaba en TeleAtlas, o servizo cartográfico de Maps en Europa e logo asumiu a autoría dos feitos. Os erros persistiron, por unhas ou por outras, ata esta fin de semana pasada, e iso que Google avisou xa hai semanas de que se tiña arranxando o problema (cousa que non foi tal, ata o de agora).
Google Earth corrixe a desfeita dos topónimos cataláns deturpados
Compartir Este Artigo
