A firma galega de telecomunicacións, Televés, que aínda hai pouco que recuperou a súa rutina diaria logo de ter pasado pola feira CABSAT de Dubai para expoñer perante o eido internacional os seus servizos tecnoloxicamente avanzados en materia de televisión dixital e transmisión de sinais, vén de recuperar o seu ritmo habitual de traballo e acaba de lanzar novas centrais de cabeceira de alta potencia de saída DTKom, aptas para todo tipo de instalacións de televisión terrestre (MATV).
A gama DTKom está formada por tres referencias distintas que incorporan cadansúa tecnoloxía Power-doubling, o que permite acadar tensións de saída de 129 dBmv (DIN45004B) en calquera banda. Asemade, están dotadas dun conmutador de ganancia co que adaptan o nivel de saída ás características da rede de distribución.
Estas novas centrais de cabeceira foron deseñadas e desenvolvidas con compoñentes específicos que minimizan a figura do ruído total, e a maiores dispoñen dun indicador LED de presenza de sinal de entrada que facilita o traballo dos técnicos.
Asemade, integran unha fonte de alimentación conmutada de alto rendemento e baixo consumo, así como saída de test que, en palabras dos seus desenvolvedores, “evita a desconexión do servizo aos usuarios”.
O lanzamento das novas centrais DTKom enmárcase no plan NP100, o proxecto impulsado pola compañía compostelá para poñer no mercado un cento de novidades de produto en 18 meses, que hai cousa dun mes xa tiña cumprido o 86% dos obxectivos.
Esta iniciativa botou a andar en xaneiro de 2011 e persegue reforzar o liderado da compañía por medio da innovación, segundo afirman “gañando cota de mercado, dándolle pulo á internacionalización e motivando a todo o equipo humano”.
Televés lanza unha nova gama de centrais de cabeceira de alta potencia
Compartir Este Artigo

