O Grupo Femxa, consultoría de formación con presenza en toda a xeografía estatal (incluídos dous importantes centros de operacións en Vigo e na Coruña), vén de informar dunha innovadora oferta docente da Federación Estatal de Transportes, Comunicacións e Mar da Unión Xeral de Traballadores (TCM UXT). E trátase dunha oferta innovadora por dous motivos: polos contidos (formación en novas tecnoloxías do coñecemento para os eidos da igualdade e a xestión do medio ambiente) e polos formatos elixidos para a achega deses contidos (a través de Internet). A iniciativa docente de UXT e Femxa vai dirixida ao persoal do sector da administración e as novas tecnoloxías de Galicia.
Todos estes cursos, engade Femxa, son de balde para o traballador e para a empresa, xa que están financiados pola Consellería de Traballo e polo Fondo Social Europeo.
Os cursos realízanse a través de Internet, engade a consultoría, polo que os alumnos poderán beneficiarse dunha formación ó seu propio ritmo e con total flexibilidade de horarios, xa que a plataforma atópase dispoñible 24 horas ó día.
É preciso dispor dunha conexión a Internet (cable, ADSL, RDSI) e posuír uns coñecementos básicos sobre o manexo de equipos informáticos e Internet, co fin de concorrer na iniciativa docente nas mellores condicións posibles. Cada acción formativa inclúe dous módulos, un para a Formación para a Igualdade e outro sobre Sensibilización Medioambiental. A documentación deberá enviarse ao Grupo Femxa de inmediato, co fin de asegurar praza nunhas accións que pola súa natureza son arestora especialmente demandadas. Os cursos comezan este 13 de marzo. Para máis información sobre a cumplimentación da ficha de inscrición, cómpre que nos dirixamos á seguinte conta de correo electrónico: goya@femxa.com.
O Grupo Femxa presenta unha nova oferta de cursos subvencionados para traballadores de administración e TIC
Compartir Este Artigo
