Un convenio asinado entre a Fundación da Universidade Autónoma de Madrid (FUAM) e a empresa compostelá Teimas Desenvolvemento S.L. permitirá aos alumnos do Máster en Xestión e Tratamento de Residuos tomar contacto de forma práctica coas necesidades documentais, loxísticas e comerciais dunha planta produtora e xestora de residuos, así como co estándar de comunicación ambiental E3L (proxecto ETER).
A empresa Teimas porá a disposición de alumnos e docentes do Máster unha versión académica da plataforma Teixo de servizos para produtores, transportistas e xestores de residuos. Mediante o uso desta ferramenta os alumnos poderán simular o comportamento das entidades participantes no ciclo da xestión de residuos: codificación de residuos perigosos e non perigosos, etiquetaxe, xeración de documentación ambiental apoiada no estándar E3L, control do almacén de residuos, execución de procesos en planta e loxística de recollidas.
O Máster entra en 2011/12 na súa décima edición consolidándose como un referente en xestión e tratamento de residuos. Proba diso son os aproximadamente 200 profesionais formados, grazas aos cales o Máster seguiu crecendo.
A dirección corre a cargo da Dra. Isabel Herráez, profesora titular da Universidade Autónoma de Madrid (UAM), e a Dra. Nely Carreras, investigadora do Centro de Investigacións Enerxéticas, Ambientais e Tecnolóxicas (CIEMAT). A oferta docente complétase con máis de 50 profesores pertencentes á UAM, CIEMAT, outros organismos públicos e profesionais do sector privado.
Vídeo de presentación da plataforma Teixo
A UAM empregará a plataforma E3L Teixo no seu Máster de Xestión de Residuos
Compartir Este Artigo
